As Rías Baixas acollen un proxecto para reducir a mortalidade de golfiños e marsopas por captura accidental en artes de pesca
Por Oskar Viéitez
A principal ameaza para a conservación dos cetáceos é a súa mortalidade por captura accidental en artes de pesca. A marsopa desaparecerá das augas ibéricas por esta causa antes de 20 anos.
A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) pon en marcha o proxecto "VIRADA: Bases para a redución da mortalidade por captura accidental en artes de pesca da marsopa (Phocoena phocoena) e o golfiño mular (Tursiops truncatus) en áreas Rede Natura 2000 de Galicia".
O proxecto desenvolverase ao longo de 2020 nas Rías Baixas. Levarán a cabo mostraxes a bordo de barcos de pesca e entrevistas aos mariñeiros. Tamén se realizará unha campaña de monitoraxe de cetáceos, a bordo dun veleiro, coa participación de voluntariado.
Trátase dunha importante iniciativa liderada pola CEMMA, xunto coa Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto de Vigo, contando coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica, e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.
O proxecto conta cun orzamento total de 85.021 euros e o seu obxectivo principal é contribuír á protección da biodiversidade mariña e á sustentabilidade da pesca mediante a redución das capturas accidentais de cetáceos, en colaboración co sector pesqueiro.
Os datos recompilados pola CEMMA na costa de Galicia ao longo dos últimos 30 anos, son demoledores: cada ano aparecen varados unha media de 285 cetáceos, a metade deles mortos por captura accidental en artes de pesca.
A zona de estudo serán as Rías Baixas de Galicia, tendo como base de actuación os portos pesqueiros de Baiona, Vigo, Cangas, Bueu e O Grove, xunto con 7 espazos mariños pertencentes á Rede Natura 2000.