O Concello convoca á comisión de seguemento dos peiraos de Raxó e Covelo tras a reunión con Portos
Por Redacción
O salón de Plenos do Concello de Poio acollerá este mércores, a partires das 19.30 horas, un novo encontro da Comisión de Seguemento dos Peiraos de Raxó e Covelo (Samieira). Trátase dunha convocatoria realizada pola Concellería de Participación Veciñal, Transparencia e Espazos Cidadáns.
O obxectivo da xuntanza é dar conta aos colectivos que forman parte desta entidade local dos detalles da reunión mantida en Santiago de Compostela o pasado 20 de decembro entre o Goberno local e a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, na que os dirixentes municipais lle deron traslado á titular do departamento dependente da Xunta da necesidade de reactivar este convenio, firmado no ano 2009 e que conta cun orzamento que supera os catro millóns de euros. Precisamente, a solicitude para manter esta cita fóra un dos acordos acadados pola comisión na súa última reunión en agosto de 2019.
Cómpre lembrar que Lenguas comprometeuse a visitar ambos peiraos para pasar revista ás instalacións e determinar que actuacións se poden levar a cabo a curzo prazo para a súa mellora.
En todo caso, a máxima responsable de Portos asegurou na reunión que a día de hoxe non existe un orzamento específico para facer realidade o proxecto. As únicas obras que figuran no convenio e que se acometeron nos últimos anos foron a dotación da pasarela de madeira no peirao de Raxó e a rehabilitación da ponte do río de Covelo. Esta última data de 2016. Estas actuacións corresponden a menos do 10% do contido que se inclúe no proxecto global.
Colectivos e Goberno local consideran imprescindible que se completen as obras, xa que se trata de dous espazos moi transitados por veciños e visitantes, especialmente na tempada estival.
Relacionadas:
-
Reclaman a Portos de Galicia que cumpla os seus compromisos con Covelo e Raxó
Por Redacción |
-
Portos de Galicia buscará "fórmulas" para mellorar os peiraos de Raxó e Covelo
Por Redacción |
-
Lembran á Xunta a "importancia capital" da realización dos proxectos dos peiraos de Raxó e Covelo
Por Redacción |