Pontevedra súmase ao programa de Arela para buscar familias de acollemento para adolescentes con medidas xudiciais
Por Redacción
A Concellería de Igualdade e Benestar acaba de pechar un acordo coa asociación Arela para promover en Pontevedra o programa 'Convive.comigo', destinado a conseguir persoas ou familias de acollemento para adolescentes que teñan a obriga de cumprir medidas xudiciais de convivencia con outra persoa, familia ou grupo educativo.
Esta iniciativa ten carácter autonómico e chegou recentemente a Pontevedra co obxectivo de conseguir, a través dun ambiente socializador e positivo, modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial e, polo tanto, que os menores non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
A colaboración entre Arela e o Concello de Pontevedra pechouse nunha reunión entre a concelleira de Igualdade e Benestar, Paloma Castro; Julio Barreiro, coordinador do programa, e unha técnica do mesmo, Eva Piñeiro.
O proxecto financiado pola Xunta de Galicia está a buscar o apoio de diferentes municipios de cara a acadar un banco de persoas ou familias acolledoras que abarquen moitos dos territorios da provincia. Búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un menor con dificultades.
Paloma Castro considera que se trata dunha proposta "moi necesaria e interesante", que supón un "complemento perfecto" para o plan de intervención precoz en casos de violencia filio-parental que a Concellería está a desenvolver en colaboración coa Fundación Meniños.
Os requisitos para formar parte deste programa son os seguintes: ser maior de idade, dispor dunha vivenda axeitada, estabilidade emocional, compromiso de traballo en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade. Á súa vez, valorarase positivamente a formación vencellada ás ciencias sociais, a experiencia previa en proxectos de acollemento familiar e a predisposición a recibir formación en materia de carácter xurídico e adolescencia.
Arela ofrece asesoramento e unha formación grupal e individual, con acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que o adolescente permaneza coa familia ou persoa.
Na páxina web de Arela (www.arela.org) pódese consultar toda a información relativa a este novo programa de acollemento, así como o teléfono de contacto da súa sede central (986 21 25 37) e o seu correo electrónico de contacto (convive@arela.org).
Relacionadas:
-
Dúas familias marinenses interésanse no programa de acollemento de adolescentes que cumpren medidas xudiciais
Por Redacción |
-
Vinte e sete menores están á espera de ser acollidos por unha familia pontevedresa
Por Oskar Viéitez |
-
Animan a familias pontevedresas a que acollan nas súas casas a adolescentes con dificultades
Por Redacción |
-
Búscanse segundas oportunidades para adolescentes con dificultades e medidas xudiciais
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Buscan fogares de acollida en Pontevedra para adolescentes con medidas xudiciais por malos tratos
Por Redacción |