Cinco tileiros e seis carballos para repoboar a Alameda de Sesmero
Por Redacción
O goberno municipal, a través do departamento de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, acaba de poñer en marcha o proxecto para a recuperación paisaxística da Alameda de Sesmero. Nos próximos días plantaranse cinco tileiros e seis carballos.
Estas novas árbores estarán situadas na cabeceira norte do parque pontevedrés, a máis próxima á Praza de España. A plantación, que realizará a empresa Redenor, suporá un investimento de case 18.000 euros.
En paralelo a estas plantacións, o servizo de Parques e Xardíns estase a coordinar cun equipo de técnicos municipais para realizar un replantexo da situación dos postos e das liñas eléctricas das Festas da Peregrina mediante o emprego de GPS.
Segundo explica Iván Puentes, esta planificación permitirá que o emprazamento de postos non interfira coas novas e futuras aliñacións de árbores que están previstas no proxecto de recuperación paisaxística.
O plan de reposición de arboredo contempla tanto o destoconado de exemplares en mal estado e a plantación dunha decena de carballos e tileiros como unha limpeza en profundidade como o arrombado do recinto do parque, en especial a base do palco da música e dos muros perimetrais que dan cara á Gran Vía de Montero Ríos.
Esta intervención incluirá a eliminación de grafitis mediante o uso dunha máquina de vapor.
En paralelo a estes primeiros traballos de recuperación da Alameda de Sesmero, tamén se acometerán en breve as obras de bacheo dos sendeiros que comunican os Xardíns de Vincenti.
O proxecto, que vén de contratarse á empresa Eicros Gestión cun investimento de 4.764,38 euros, traducirase nun aporte de xabre e un compactado mecánico.
Relacionadas:
-
Árbores para dar "máis riqueza e variedade" aos xardíns da Xunta e ás zonas verdes de Tafisa
Por Redacción |
-
Raíña Vitoria e todo o ámbito entre a Alameda e o Gafos, próximo obxectivo da reforma urbana
Por Alejandro Espiño |
-
Novas árbores para San Antoniño, Cobián Roffignac, Benito Corbal e Peregrina
Por Redacción |
-
Proxectan recuperar a imaxe "maxestosa e nobre" da Alameda do século XIX
Por Redacción |