Ponteandadas regresa en 2020 cun circuíto de 5 roteiros
Por Redacción
O proxecto Ponteandadas, que pretende poñer en valor a paisaxe, fauna, flora, cultura e patrimonio dos espazos naturais polos que discorre e fomentar a actividade física e a vida saudable, regresa o vindeiro mes cun atractivo circuíto de cinco andainas e charlas sobre deporte, fisioterapia e alimentación.
Os roteiros, organizados pola Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde grazas á colaboración do Naturgaliza Club, desenvolveranse entre marzo e outubro, percorrendo varias parroquias do concello de Pontevedra (Mourente, Bora, Cerponzóns, Lourizán e Alba), así como sendeiros do Camiño de Santiago e zonas verdes do centro urbano.
O programa municipal porase oficialmente en marcha o domingo 15 de marzo, cun percorrido circular de 12 kilómetros (Mourente/Bora) de dificultade media-alta, que sairá ás 10:00 horas da igrexa de Santa María de Bora, cunha altitude máxima de 377 metros e unha duración estimada de tres horas.
A seguinte camiñada celebrarase o domingo 24 de maio na parroquia Cerponzóns, con punto de encontro-saída na igrexa de San Vicente, percorrido circular de 15,9 kilómetros, dificultade media e duración estimada de 3,5 horas.
UNHA PONTEXTREM E UN ROTEIRO NOCTURNO
O circuíto de Ponteandadas inclúe un itinerario circular denominado "Pontextrem" con saída en Lourizán (na contorna das piscinas de Rías do Sur), que se desenvolverá o domingo 14 de xuño. Para esta xornada propóñense dúas opcións de percorrido sen carácter competitivo: Un Extremo, de 32 kilómetros, dificultade alta e duración estimada de 5,5 horas, con saída ás 8:00 horas; e outro Desafío, de 15 kilómetros, dificultade media, duración de 3,5 horas e saída ás 10:00 horas, coa intención de que cheguen a destino á mesma hora.
Para o sábado 12 de setembro organizouse unha Ponteandada Nocturna de carácter urbano, con saída da Praza de España ás 21:00 horas e un percorrido circular de 12 kilómetros e dificultade baixa. A duración estimada desta andaina é de 2,5 horas, pasando polos principais parques naturais da cidade.
O calendario de roteiros de 2020 pecharase o domingo 25 de outubro cun itinerario circular de 16 kilómetros e dificultade media que partirá da ponte do Burgo ás 10:00 horas e que ten unha duración estimada de 3,5 horas. A parte inicial da andaina desenvolverase polo Camiño de Santiago, regresando polo lugar de Reiriz, na parroquia de Alba.
O programa de Ponteandadas 2020 completarase cun ciclo de charlas sobre vida saudable que se celebrará na Casa da Luz en horario de tarde.
O primeiro dos coloquios terá lugar o sábado 18 de abril ás 17:30 horas e levará por título "Deporte a calquera idade", mentres que o 28 de xuño á mesma hora desenvolverase un centrado en "Materiais e técnicas de adestramento moderado", no que se ofrecerán recomendacións e consellos neste eido. A última das charlas, tamén ás 17.30 horas, sobre "Fisioterapia e alimentación saudable", fará fincapé nos nocivos efectos dunha vida sedentaria e na importancia de levar unha rutina saudable e unha nutrición sa.
A inscrición no circuíto de andainas poderá efectuarse enviando un correo electrónico cos datos persoais (nome completo, DNI, data de nacemento, email e teléfono de contacto) á dirección ponteandadas@gmail.com, a través do teléfono 625 48 26 36 ou presencialmente na Casa da Luz tódolos mércores en horario de 11:00 a 12:00 horas.
A cuota individual de inscrición no programa é de 8 euros para circuíto completo, e de 2 euros por andaina solta (excepto para o roteiro Pontextrem, que terá un custe de 4 euros). Toda persoa que se atope en situación de desemprego na data de celebración dunha andaina poderá participar de balde na mesma.
O número máximo de participantes será de 300, levando un rigoroso orde de inscrición ata completar este cupo, podendo asistir toda persoa que certifique estar en boas condicións físicas e de saúde e aqueles menores a partir dos 12 anos que vaian acompañados por un adulto responsable e que conten cun modelo de autorización paterna por escrito.
Entre os servizos das andainas inclúense ambulancia, vehículo de apoio e seguimento (por se alguén decide retirarse da ruta ou precisa axuda), sete monitores titulados, guías turísticos, dous avituallamentos por itinerario, agasallos personalizados e subscrición de seguro de responsabilidade civil por parte de Naturgaliza Club e de seguro de accidentes individual para cada participante.
Relacionadas:
-
A terceira etapa de Ponteandadas, tamén suspendida polo coronavirus
Por Redacción |
-
Suspenden a etapa de Cerponzóns, segunda do programa Ponteandadas 2020
Por Redacción |
-
A primeira charla sobre vida saudable do programa Ponteandadas, aplazada polo estado de alarma
Por Redacción |
-
Suspenden a primeira andaina de Ponteandadas prevista para este domingo atendendo as recomendacións sanitarias
Por Redacción |
-
Unhas 260 persoas percorreron este domingo a Senda Espiritual e da Costa
Por Redacción |