A voz da xornalista Susana Pedreira álzase para pedir perspectiva de xénero ante a corporación provincial
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
Susana Pedreira foi a xornalista escollida este ano para intervir no pleno deste venres e, desta forma, iniciar os actos da programación que a Deputación Provincial realizará con motivo do 8 de marzo, día internacional da muller. As súas primeiras palabras foron dirixidas aos representantes provinciais para lembrarlles o poder dos medios de comunicación e a necesidade de que a profesión xornalística sexa libre e que os responsables políticos deben gañarse o dereito para aparecer nos medios.
A continuación, expuxo a situación da muller nos diferentes medios de información e reclamou perspectiva de xénero e feminismo para que os cargos de dirección das empresas de comunicación tamén sexan ocupados por mulleres, que son maioría no persoal que traballa as redaccións. "É unha cuestión de xustiza", alertou en referencia á presenza de noticias sobre mulleres nos medios e lembrou tamén aos políticos que nesta época de precampaña deben de ter en conta que "se non conto, non te voto" ao mesmo tempo que reclamaba medios para loitar contra a violencia machista.
A presidenta provincial Carmela Silva agradeceu "de corazón" a intervención da xornalista de Onda Cero neste arranque dos actos provinciais con motivo do 8M. Outra das protagonistas na sesión plenaria foi a deputada socialista Isaura Abelairas que renuncia ao seu asento na institución provincial con motivo da súa inclusión nas listas electorais de Gonzalo Caballero para concorrer ás eleccións autonómicas do 5 de abril. Na súa intervención final, Isaura Abelairas lembrou a necesidade de seguir loitando desde a administración para lograr a igualdade entre mulleres e homes. Ademais da presidenta Carmela Silva, a deputada de Igualdade recibiu os mellores desexos para o futuro por parte de Pepa Pardo, do Partido Popular e de Uxío Benítez, deputado do BNG. A acta de Abelairas pasará a Ana María Mejías, concelleira de Vigo, profesora titular na Universidade de Vigo e integrante do equipo directivo da Escola de Enxeñería Industrial.
En canto ao debate plenario, aprobouse cos votos do PSOE e do BNG o plan económico financeiro para o cumprimento da regra de gasto. Este punto foi votado en contra polos representantes do PP ao entender que existe un problema de inejecución dos orzamentos provinciais e reclaman bases reguladoras que eviten este problema. A presidenta Carmela Silva deu a palabra ao interventor neste punto, que manifestou que a situación na Deputación é de solvencia económica cunha cifra de 72 millóns de aforro descontando a débeda que se vai reducindo anualmente. Tanto César Mosquera, do BNG, como Carlos López Font, PSOE, lamentaron a regra do gasto establecida polo ministro Montoro durante o goberno de Mariano Rajoy e sinalaron que o problema da execución dos orzamentos derívase do atraso dalgúns concellos en xustificar os proxectos para os que reciben en diñeiro provincial.
O debate económico mantívose tamén no seguinte punto, que se centraba no expediente de modificación de créditos, aprobado cos votos de PSOE e BNG e coa abstención do PP. Estableceuse unha quenda de réplicas e contrarréplicas entre o popular José Alfonso Marnotes fronte ao socialista Carlos López Font e o nacionalista César Mosquera en relación co remanente de tesourería de 16 millóns de euros.
A actualización do catálogo de estradas da rede provincial foi aprobada por unaniimidade nun punto no que Carmela Silva lembrou aos asistentes que o debate non era o modelo de infraestruturas da Deputación Provincial que "está considerado o mellor de España". Aprobábase, cos votos en contra do PP, a moción do PSdeG-PSOE sobre o recorte acumulado dun 68% no Plan Marco da Xunta de Galicia para o arranxo dos camiños municipais. Os populares consideraron esta moción oportunista, un argumento que rexeitaba o socialista López Font.
As dúas mocións do grupo provincial do PP foron rexeitadas por socialistas e nacionalistas. Na primeira, os populares pretendían que a Deputación instase o Goberno de Pedro Sánchez a aboar a débeda pendente con Galicia e na segunda, reclamaban a modificación do Regulamento Xeral de Costas, unha normativa que, segundo os socialistas, foi xa retirada polo goberno central.
Relacionadas:
-
Nova inxección de dous millóns de euros aos municipios a través do Plan Concellos
Por Redacción |
-
Carmela Silva, sobre a candidatura do PSOE para o 5A: "Se a min me dixeran 'fai ti unha lista', eu faría esta"
Por Natalia Puga |
-
O lema 'Por nós, por todas' vestirá a balconada da Deputación de Pontevedra para reivindicar a igualdade
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz |