Unha divertida Gala do Chapante quenta os motores para a Festa do Lacón con Grelos
Por Redacción
O Centro Patelas acolleu a undécima edición da Gala do Chapante, que cada ano sirve de evento previo á Festa do Lacón con Grelos que Cuntis celebrará este domingo.
Na gala, como xa se anunciara, recoñeceuse a traxectoria de Mercedes Aboy Garrido, coñecida como Merchi a do Traspaso, polos anos que leva á fronte deste histórico local de comidas e tapas de Cuntis.
O alcalde, Manuel Campos, acompañado do deputado provincial, Manuel González, foi o encargado de entregarlle o obsequio co que se conmemora este recoñecemento.
Tamén foron entregados os premios do Tapalacón 2020, certame gastronómico no que participaron un total de catorce establecementos. O primeiro premio foi para Pensión A Fontiña, no segundo lugar foi elixido o Restaurante Don Manuel e en terceiro o Bar O Pote.
O grupo de teatro local Chumpá Teatro volveu, un ano máis, a divertir a todos os presentes coa súas actuacións.
Os actos da Festa do Lacón con Grelos comezarán ás 11:30 horas coa actuación da Agrupación de Música e Baile Tradicional de Cuntis e a apertura da feira de artesanía. A continuación abrirase a mostra da camelia con máis de cen metros de exposición e, na Casa da Cultura, a exposición Apiturismo da Asociación Galega de Apicultura.
O xornalista pontevedrés Xabier Fortes será o encargado de realizar o pregón e, a continuación, abrirá a XII Vespalacón, que congregará a ducias de afeccionados a estas motocicletas e que sairá da Praza de Galicia.
Ás 13.00 horas será o desfile de entroido tradicional cos Boteiros e o Folión de Vilariño de Conso e despois actuará Brasaica Rapa na Praza da Constitución, para dar paso ao xantar popular.
Xa pola tarde haberá xogos para nenos e ás 16:30 horas terá lugar o espectáculo Circanelo de Fredi&Cia e o concerto das bandas de música de Cuntis e de Vilaboa. Por último, celebrarase o tradicional velorio e o enterro do Chapante, que estará amenizado co grupo Galifunk.
Para facilitar o acceso ao centro da vila, haberá un bus que conectará coas amplas zonas de aparcamento do campo de fútbol de As Canteiras e do centro de día de Cuntis. O bus sairá cada 15 minutos cara a carpa entre as 10.00 e as 15.00 horas e regresará dende as 18.00 horas ata as 21.00 horas, segundo informa o Concello.
Relacionadas:
-
RADIO.- Desde Cuntis, 'O rap da feira' de Os Palleiráns
Por Redacción |
-
A despedida do Entroido sabe a lacón con grelos en Cuntis
Por Redacción |
-
Cuntis premia a traxectoria da hostaleira Merchi 'A do Traspaso' dedicándolle a gala do Chapante
Por Redacción |
-
Cuntis prevé superar os 3.000 comensais na súa Festa do Lacón con Grelos
Por Redacción |
-
O xornalista Xabier Fortes será o pregoeiro da XXIII edición da Festa do Lacón con Grelos de Cuntis
Por Redacción |