O alumnado dos centros educativos de Bueu, sobresaliente en materia de igualdade
Por Sara Iglesias
O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este venres o segundo Pleno Escolar da Igualdade, cun debate sobre a igualdade coa celebración dun acto no que un total de quince rapaces e rapazas do IES Johán Carballeira, CEIP Plurilingüe A Pedra, CEIP Plurilingüe Montemogos e CPR Virxe Milagrosa preguntaron aos responsables municipais sobre diferentes cuestións relacionadas coa igualdade.
As preguntas tiveron que ver co número de profesionais do municipio, as medidas que pon en marcha o Concello para favorecer a integración laboral das mulleres, a brecha salarial, o tratamento das mulleres vítimas de violencia de xénero, ou se os postos de responsabilidade recaen máis en mulleres ou en homes. O alumnado demostrou estar ao tanto desta problemática e a necesidade de que se avance en materia de igualdade. Desta forma, no debate xurdiron cuestións como a non existencia de baños mixtos nos colexios ou a reflexión sobre o rendemento e implicación dos dous sexos no traballo.
Este pleno escolar sobre igualdade é unha das medidas recollidas no primeiro Plan de Igualdade Intercentros que se aprobou no 2019, co obxectivo de promover accións para lograr a igualdade desde a educación. O alcalde de Bueu, Félix Juncal, manifestou a necesidade de conseguir que o que a rapazada sinte hoxe tamén o sinta no futuro con máis intensidade. Pola súa banda, a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, salientou que "o futuro de Bueu está en boas mans".
Ao remate do pleno entregáronse uns diplomas conmemorativos ao alumnado participante. Ademais, o alcalde reiterou que se creará un Consello da Infancia e da Mocidade e a idea do goberno é celebrar máis veces estes plenos para o tratamento doutros asuntos como o medio ambiente, a diversidade, obras e servizos, e outros que poidan xurdir.
Debido a necesidade dunha sociedade igualitaria, o vindeiro luns, 9 de marzo ás 12:00 horas, terá lugar no Centro Social do Mar un acto de entrega dos premios dos certames educativos de viñeta/ilustración e literario "A igualdade no traballo".