O Museo recibe 40 candidaturas para deseñar a súa nova identidade visual
Por Redacción
O Museo de Pontevedra, a falta de contabilizar as propostas rexistradas noutras administracións e de cotexar posibles duplicacións, vén de recibir 40 candidaturas para deseñar a súa nova identidade visual. Este importante número, segundo subliñan o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera e o director da institución Xosé Manuel Rey, fan que o obxectivo de poñer en marcha un proceso de selección aberto e participativo esté plenamente acadado.
"A resposta á convocatoria foi sorprendente e moi reconfortante. Os portfolios presentados son de concepcións moi heteroxéneas e dunha importante calidade, polo que é seguro que se poderán desenvolver propostas interesantes para o Museo de Pontevedra", destacou o director Xosé Manuel Rey.
Hai que lembrar que nesta primeira fase de selección as empresas e persoas presentadas só tiñan que presentar un portfolio incluíndo traballos anteriores de deseño de identidades corporativas, logotipos e creacións visuais. Agora será o Consello Asesor do Museo o que analice a súa calidade e a viabilidade de que as persoas autoras deses traballos poidan levar adiante o deseño particular para o Museo de Pontevedra.
En canto á procedencia das propostas, a maior parte delas veñen de toda Galicia, principalmente da provincia de Pontevedra, se ben tamén hai portfolios chegados do resto do estado e do estranxeiro.
PRÓXIMAS FASES
A data de reunión do Consello Asesor para examinar os portfolios está marcada para finais da vindeira semana. Nese encontro os asesores decidirán as catro propostas que serán convidadas a participar na seguinte fase, que consistirá na presentación concreta dunha proposta de nova imaxe corporativa para o Museo. As ideas achegadas volverán de novo a consideración do Consello Asesor, quen seleccionará a empresa ou persoa adxudicataria do contrato final, encargada de presentar o manual de identidade corporativa definitivo.
O importe do contrato ascenderá a 12.000 euros (sen IVE) e, en concepto de compensación polos gastos ao resto de propostas invitadas que non resulten adxudicatarias, entregarase a cantidade de 1.000 euros.
Relacionadas:
-
Estrean a nova imaxe institucional do Museo este xoves 16 na terraza exterior do Sexto Edificio
Por Redacción |
-
O Consello Asesor elixe por unanimidade a proposta de logotipo para o Museo
Por Redacción |
-
A nova identidade corporativa do Museo está nas mans de catro candidaturas galegas
Por Redacción |
-
Satisfacción no Museo polo interese que esperta o proceso para renovar a súa imaxe gráfica
Por Redacción |
-
Convocan o proceso para renovar a identidade gráfica do Museo de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Museo busca nova imaxe e quere fomentar ligazóns co Camiño Portugués
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |