A cidadanía dona en Pontevedra máis de 18.000 quilos de alimentos na primeira Operación Quilo deste ano
Por Sara Iglesias
Con motivo da primeira Operación Quilo celebrada na comarca de Pontevedra este ano, a Fundación Provincial Banco de Alimentos recolleu esta fin de semana máis de 18.000 quilos de comida.
Medio centenar de voluntarios participaron na cuarta edición de 'O Zampakilos Solidario' de Vegalsa-Eroski, desenvolto nun total de oito establecementos de Pontevedra, Vilagarcía, Arcade, Cambados, Lalín e Marín. Doáronse todo tipo de produtos básicos, cos que se seguirá abastecendo o almacén da fundación.
Ademais, esta Operación Quilo levouse a cabo de maneira simultánea noutras tendas da cadea galega en Vigo e arredores. En total, recolléronse máis de 42.000 quilos de alimentos a nivel provincial nesta Operación Quilo.
Durante 2019, o Banco de Alimentos repartiu en Pontevedra 200.000 quilos de comida. A nivel provincial, entregáronse preto de 1,8 millóns de quilos de alimentos. Actualmente, desde o almacén de Faustino Santalices aténdese a 40 entidades homologadas, a través das cales se axuda a máis de 5.000 persoas con dificultades económicas da zona.