Cerdedo-Cotobade anuncia cheques alimentarios a familias sen recursos e a extensión do programa de telecomida
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que vén de reincorporarse ao seu posto tras a súa recente baixa por paternidade, anunciou un plan de medidas dende o departamento de Servizos Sociais para garantir a achega de alimentos e produtos de primeira necesidade ás familias sen recursos, maiores, persoas con discapacidade e colectivos vulnerables no actual estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus.
Así, vénse de contactar con todas as familias en situación de emerxencia social ou con poucos recursos, en base aos listados de servizos sociais, para concederlles cheques para a adquisición de alimentos nos supermercados, tendas e comercios do propio municipio.
Tamén ofreceuse, de xeito directo, a prestación do Xantar na Casa a todos os usuarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que non o tiñan con anterioridade á actual situación e a todas as persoas maiores que se atopan nunha lista de agarda para acceder a unha residencia da terceira idade e que poden ter máis dificultades nestas semanas para a súa alimentación.
Paralelamente, o goberno local de Cerdedo-Cotobade tamén vén de coordinar, a través da agrupación de Protección Civil, un servizo de compras e transporte aos domicilios para as persoas maiores que non teñen forma ou capacidade de desprazamento de subministros básicos, como comida ou medicinas, entre outros, ou de calquera outra cousa que poidan precisar na actual situación de corentena.
Así mesmo, o rexedor convidou aos veciños a seguir colaborando, tal e como están a facer masivamente nestes primeiros días, e informar ao Concello de todos os casos que coñezan de persoas maiores ou familias vulnerables que se poidan beneficiar destes novos servizos de emerxencia.