As recicletas son para os estudantes de Erasmus en Pontevedra
Por Redacción
Durante sete semanas, todos os mércores, 20 alumnos de distintas idades se dedicaron a recuperar bicicletas. Aquelas que unha vez foron utilizadas dentro da iniciativa Pillabici para desprazarse pola cidade encontrábanse en moitos casos en moi mal estado. O monitor, Eusebio Rivero, explica que os alumnos aprenderon con estas bicis a "quitar unha cadea e volver a poñela, a ver a presión da roda, a axustar un manillar..." nas sesións que se realizaban na Casa Azul para reutilizar estas ferramentas de transporte.
Para este curso houbo tanta demanda que as prazas se cubriron o primeiro día en que se abriu o prazo e o resultado se pode comprobar agora en 18 bicicletas que os concelleiros Carmen Fouces, Luis Bará, Demetrio Gómez e Vicente García Legísima acompañados por alumnos do curso trasladaron polo centro da cidade, paseando pola Avenida de Santa María, Michelena ou Cobián Roffignac ata o campus universitario para que os alumnos de Erasmus as manexen nos próximos meses.
Algunhas das bicicletas, segundo afirma Eusebio Rivero, foran botadas ao río "tiñan ata cangrexos entre as rodas". Pero o peor para a súa reparación foi o sistema antirroubo da súa estrutura, "era moi difícil desaparafusar os pedais". Agora, as bicicletas encóntranse en perfectas condicións de uso e segundo comentou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, o obxectivo é poñer as varias ducias que se conservan do case centenar que formaba parte do Pillabici a disposición de asociacións e outros sectores como hoteis para que os turistas poidan facer uso deste servizo de transporte.
Relacionadas:
-
Nin tableta nin PlayStation, este ano os Reis traen recicletas
Por Natalia Puga |
-
A buscar bicicletas vellas en garaxes e rochos: volven as 'recicletas' polo Nadal
Por Alejandro Espiño |
-
Abrazos gratis dos alumnos de Erasmus de Pontevedra
Por Redacción |
-
"Recicletas", un obradoiro para fomentar a recuperación de bicicletas antigas
Por Redacción |