Caldas Kids, unha comunidade virtual para que os nenos compartan propostas creativas
Por Redacción
Un novo espazo virtual en redes sociais dedicado aos nenos e nenas que permanecen na casa estes días de obrigado confinamento por mor do coronavirus. É a aposta que fai o Concello de Caldas coa iniciativa Caldas Kids.
Aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías, o departamento de Cultura quixo establecer unha canle de comunicación onde se expoñen os traballos e propostas que envían os propios nenos e onde tamén se difunden contidos multidisciplinares.
A páxina de Facebook permanece activa dende o día 20 de marzo e o seu éxito foi inmediato como demostran os case 300 amigos e amigas que xa se sumaron ata este momento.
A concelleira de Cultura, María López Buceta, explica que este tipo de iniciativas "son de gran apoio ás familias durante o confinamento e, sobre todo, serven para que os cativos se entreteñan, se expresen e se comuniquen ao tempo que seguen aprendendo".
Os contidos que se colgan en Caldas Kids son seleccionados polo persoal da área de Cultura.
Así mesmo, a Escola Municipal de Música está preparando proxectos de arte e música que se exporán en breve e, igualmente, pronto se presentará "A cápsula do tempo", unha actividade que promete ser novidosa e sorprendente.
Os nenos e nenas, xunto cos pais e nais, son os "protagonistas absolutos" desta plataforma, segundo López Buceta, na que teñen cabida todo tipo de propostas creativas que eles mesmos van aportando dende as súas casas como ilustracións, receitas, manualidades, música, ximnasia, fotografía, psicomotricidade ou reciclaxe.
SUPER FESTA DE ANIVERSARIO
Desde o Concello, ademais, están preparando unha "súper festa" de aniversario para todas as nenas e nenos que esta tempada están cumprindo anos e, debido a esta situación, non poden celebralo cos seus amigos e familias ao completo.
Será unha gran festa infantil con música, baile e moitas outras sorpresas que se celebrará en canto se poida saír ás rúas e coa que tamén se quere agradecer aos nenos e nenas de Caldas de Reis a súa gran responsabilidade ao non saír da casa para que o coronavirus se vaia.
Relacionadas:
-
Clases de ximnasia online cos monitores de Bueu para levar mellor o confinamiento
Por Redacción |
-
Caldas planea unha campaña de promoción do comercio local para reactivar o consumo tras a crise
Por Redacción |
-
Novas propostas para os máis pequenos con 'A escola infantil na casa'
Por Redacción |
-
O Concello de Caldas segue funcionando "coa maior normalidade no posible"
Por Redacción |
-
A residencia de anciáns de Caldas rexistra o seu segundo positivo por coronavirus
Por Redacción |
-
Caldas habilita un servizo de atención psicolóxica mentres dure a crise do coronavirus
Por Redacción |