O PP de Poio suxire plenos telemáticos para axilizar a aprobación de axudas aos veciños
Por Redacción
O PP de Poio presentou este luns un escrito no rexistro do Concello para solicitar a celebración telemática de plenos que permitan aprobar de forma urxente axudas aos veciños afectador pola crise do coronavirus.
Aproveitando a modificación da Lei de Bases do Réxime Local, que permite celebrar plenos e comisións cando concorran situacións de forza maior, o portavoz dos populares, Angel Moldes, demanda acollerse a esta nova norma para implementar medidas que só poden aprobarse nos plenos, actos que quedaron suspendidos por decreto da alcaldía despois da declaración do estado de alarma.
Lembran desde a oposición que decisións como a eliminación de impostos deben aprobarse por estes órganos administrativos, polo que "canto antes comecemos, antes poderemos axudar", subliña Moldes.
No seu escrito, os populares comprométense a renunciar ás súas retribucións por asistencia a comisións e plenos que se celebren durante o estado de alarma para que eses fondos estean dispoñibles para a compra de material sanitario.