Feijóo pide ao Goberno que busque fórmulas para que os nenos poidan saír de forma "ocasional"
Por Natalia Puga
Superado xa o primeiro mes de confinamento, con dúas semanas máis de estado de alarma aprobado e, ante a posibilidade dunha nova prórroga, o presidente da Xunta de Galicia considera que chegou o momento de dar un respiro aos nenos e buscar fórmulas que lles permitan saír das súas casas de forma puntual.
"Un mes e medio de confinamento é excesivo", sinalou Alberto Núñez Feijóo este domingo en comparecencia ante os medios de comunicación tras participar na conferencia de presidentes co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e os responsables do resto de comunidades autónomas españolas.
Feijóo cre que resulta discriminatorio que se adoptaron medidas para facilitar que as mascotas poidan saír á rúa e non se regulen medidas para que tamén o fagan os nenos. "Non estou a facer proposta de que os nenos volvan xogar aos parques. Estou a falar de que un neno e unha nena poidan saír da man dos seus pais", aclarou.
"Chegou o momento de buscar unha fórmula para que os nosos nenos poidan saír de forma limitada, ocasional", indicou na súa comparecencia. Explicou que así llo trasladou ao presidente do Goberno, pero que non obtivo ningunha resposta pola súa banda. Ademais, quixo aclarar que a medida debe adoptarse a nivel estatal, pois co estado de alarma activado, aínda que Galicia quixese buscar fórmulas para facilitar que os pequenos saian á rúa, legalmente non podería.
Feijóo valorou que a situación sanitaria en Galicia vai mellorando nunha "liña esperanzadora" que non debe facer que ninguén se relaxe, pero si "debe de seguir animándonos a seguir traballando". Así, indicou que, con 360 falecidos desde o inicio da pandemia, os datos da comunidade "seguen sendo menos malos" e é, xunto con Melilla, a zona con menos letalidade.
Tras a conferencia de presidentes, Feijóo garantiu a Sánchez que manterá a súa lealdade co Goberno e co mando único para afrontar a pandemia, pero tamén quixo facer públicas as súas críticas en cuestións como os test rápidos para detectar o coronavirus, pois os que enviou o Executivo central ás comunidades autónomas non permiten un diagnóstico definitivo nin para positivos nin para negativos, e pídenlles novos modelos que si sexan concluíntes.
Ademais, pediulle a Pedro Sánchez que garanta información transparente e contrastada en toda España e que se realice un estudo epidemióloxico das comunidades que permitiría adoptar medidas adaptadas a cada rexión. Cre que ese estudo é fundamental para definir unha posible desescalada do estado de alarma. En resposta á postura do Goberno dunha desescalada diferente para os territorios, Feijóo mostrouse "a favor", pero cre que, para poder establecelo así é necesario ter ese estudo epidemióloxico co número de persoas inmunizadas.
Feijóo tamén se mostrou moi crítico con de decisión do Goberno de "confiscar" os fondos do Plan de Vivenda das comunidades autónomas e estendeu eses reproches a outras decisións do executivo, pois considera que "non ten sentido que as decisións do Goberno central se financien con orzamentos autonómicos".
Para o presidente galego é "decepcionante" que "o Goberno central decida e que nós nos decatemos despois de tomar estas decisións, e que mesmo teñamos que pagar as decisións" e ve "moi perigoso" que a conferencia de presidentes de cada domingo "convertésese nun mero trámite".
Relacionadas:
-
Feijóo ve "razoable" pensar na desescalada e en incrementar a actividade económica en Galicia
Por Diego Espiño |
-
Pedro Sánchez anuncia que se permitirá a saída "limitada" dos nenos a partir do 27 de abril
Por Diego Espiño |
-
Galicia fará as probas do coronavirus a 100.000 galegos para estimar a poboación "inmunizada"
Por Alejandro Espiño |
-
Feijóo dá por superada a fase aguda da crise e pide levantar restricións por territorios
Por Oskar Viéitez |
-
É luns e debo volver a traballar, como debo comportarme?
Por Redacción |
-
Pedro Sánchez prevé unha desescalada "progresiva e cautelosa" en dúas semanas "como pronto"
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia suspende as súas eleccións: "Loitar contra a pandemia é a nosa única ocupación", di Núñez Feijóo
Por Alejandro Espiño |
-
Novas medidas de contención da Xunta, que regula a actividade de talleres de reparación
Por Natalia Puga |
-
A Xunta cerra todos os locais públicos agás tendas de alimentación e farmacias e regula os funerais
Por Natalia Puga | Creada e actualizada