A Policía Local de Caldas denunciou 34 persoas no mes de aplicación do estado de alarma
Por Redacción
A Policía Local de Caldas tramitou no mes de vixencia do estado de alarma 34 denuncias por incumprimentos das normas decretadas. Os axentes identificaron 272 persoas e controlaron 2.278 vehículos.
Neste municipio, a agrupación de voluntarios de Protección Civil, formada por máis de 10 persoas, realizou dende o inicio do estado de alarma 60 servizos. A maioría foron de apoio loxístico e traballos de desinfección realizados en coordinación co Servizo de Obras en zonas de alto tránsito como a entrada do centro de saúde, supermercados ou farmacias.
En quendas rotativas, o equipo permanece activo 24 horas dende o 14 de marzo dando resposta e atención permanente ao 112 de Galicia e prestando apoio aos servizos municipais, principalmente á Policía Local e a Servizos Sociais. Ademais das mencionadas actuacións, Protección Civil tamén está levando a cabo medidas de motivación veciñal, percorrendo as rúas de Caldas para dar ánimos aos veciños e veciñas confinados.
Por outra banda, a Policía Local de Caldas repartiu durante o último mes 1.300 máscaras de protección, preto de 500 pares de luvas e ao redor de 40 litros de líquido desinfectante entre os establecementos e organismos con maior necesidade do municipio.
Segundo o balance realizado polo Concello, distribuíronse principalmente entre os comercios que permanecen abertos ao público como supermercados, tendas de alimentación, gasolineiras ou farmacias, pero tamén entre empresas, colectivos como Cáritas, na residencia da terceira idade e tamén entre institucións como a Garda Civil e o centro de saúde. Tamén se reservou unha partida para os propios servizos e persoal municipal.
A entrega de material está previsto que continúe durante as próximas semanas. Trátase de recursos xestionados polo Concello que, na súa maior parte, foron doados por empresas, establecementos e particulares nun exemplo de enorme solidariedade, aínda que unha parte dos mesmos procedeu doutras institucións.
O Concello de Caldas de Reis, dende que foi decretado o estado de alarma, deulle prioridade ás accións de carácter preventivo e ás medidas de seguridade cidadá e protección social, especialmente dos colectivos máis vulnerables. Mentres a Policía Local se centrou no acopio e reparto de material protector e preventivo, a agrupación de voluntarios de Protección Civil estivo máis centrada en accións de apoio loxístico e as colaboracións en tarefas de desinfección.
En coordinación e colaboración co departamento de Servizos Sociais, o corpo policial realizou importantes prestacións de atención a persoas maiores e vulnerables. Entre estas actuacións contabilízanse numerosas chamadas telefónicas a persoas que viven soas e 43 comprobacións presenciais en domicilios de anciáns, que se suman ao traballo de seguimento domiciliario permanente que realiza o persoal de Servizos Sociais. Así mesmo, realizáronse 15 servizos de traslado e entrega de medicamentos a persoas confinadas.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Juan Carlos Ortigueira, expresou o seu agradecemento á Policía Local e a Protección Civil pola "dispoñibilidade e a voluntariedade amosada dende o primeiro minuto, así como polo traballo e o esforzo extraordinario que están realizando estes corpos nuns momentos tan difíciles en beneficio de toda a cidadanía".
Relacionadas:
-
Caldas entregou 5.000 máscaras no rural e o luns empezará a repartición no centro urbano
Por Redacción |
-
Pedida de man en pleno confinamento: "Fernando, Eli se quiere casar contigo"
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
A farmacia Muíños de Caldas doa material para confeccionar máscaras hixiénicas
Por Redacción |