A Xunta subministrará a prezo de custo máscaras e luvas a empresas e autónomos dos sectores esenciais
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia subministrará máscaras e guantes ás empresas e os autónomos que o soliciten, ante a imposibilidade de que moitas delas poidan conseguir o material de protección necesario no mercado e a un prezo adecuado. De feito, o material será facilitado ao mesmo prezo que o adquira a Xunta.
Así se acordou este martes na quinta reunión do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), que estivo presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Segundo se avaliou no encontro, o reparto de material de protección chegará a sectores como o alimentario e as distribuidoras, a metalurxia, a construción, a enxeñería, a madeira, a pizarra e o granito, as enerxías renovables, as cooperativas agrarias, os call center, autónomos e comerciantes.
HOSTALERÍA
Ademais deste acordo relativo á subministración, outro dos temas que centrou a reunión de hoxe foi a necesidade de ofrecer unha alternativa de restauración aos traballadores dos servizos esenciais. Tal e como sinalou o vicepresidente, "a xente que se despraza ao traballo precisa un lugar para poder comer. Por suposto, con todas as garantías sanitarias".
Por iso, o Cecop proporá ao Goberno central abrir determinados establecementos de hostalería para cubrir estas necesidades, "igual que se fixo coas prazas hoteleiras". A apertura destes restaurantes de garda faríase previa solicitude e para atención exclusiva destes colectivos, sempre mantendo as medidas de protección, como garantir a distancia interpersoal e establecer un sistema de reserva previa para evitar aglomeracións, así como as quendas necesarias.
En canto á Administración de Xustiza, o Cecop abordou tamén a decisión do Ministerio de Xustiza que vén de determinar que, a partir do próximo mércores, terán que acudir un mínimo de traballadores a todos os órganos e servizos xudiciais de cara a unha eventual reactivación deste servizo cando así sexa determinado polas autoridades sanitarias. Isto suporá en Galicia que acudan de xeito presencial uns 720 funcionarios, o que supón ao redor dun 26% do total (actualmente, a porcentaxe era do 10%).
Relacionadas:
-
APE Galicia entrega 123.000 máscaras de protección a autónomos e pequenas empresas
Por Redacción |
-
A Xunta fai unha terceira entrega de material de protección ao Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
A Xunta reparte 332.000 máscaras de protección entre as empresas da provincia
Por Redacción |
-
Sanidade fixará o prezo máximo de máscaras, luvas e xeles hidroalcohólicos
Por Redacción |
-
Converter ameazas en oportunidades, proposta da plataforma impulsada por AEMPE ante o coronavirus
Por Redacción |
-
Nova achega de material de protección aos traballadores municipais por parte da Xunta
Por Redacción |