Cerdedo-Cotobade impulsa unha Central de Compras para adquirir formigón e materiais de obra e eléctricos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de impulsar unha Central de Compras Municipal, pioneira entre os concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia, destinada á adquisición de formigón e materiais de obra e eléctricos.
Con esta iniciativa, cuxo prego acaba de saír a licitación, o goberno local pretende "reforzar a transparencia e defender o interese xeral do Concello e dos veciños", xa que a compra dos distintos lotes "permitirá acadar máis aforro e unha mellor calidade de produtos debido á competencia".
Esta Central de Compras Municipal ten un orzamento inicial para o presente exercicio de 254.100 euros e distribúese inicialmente en tres lotes orientados á adquisición de formigón (60.000 euros máis IVE), material de construción (110.000 máis IVE) e subministros eléctricos (40.000 máis IVE).
O Concello non se compromete a mercar unha cantidade determinada ou máxima, senón que simplemente se garante un subministro axeitado e áxil ao prezo ofertado segundo as súas necesidades para as brigadas de Obras e Mantemento Eléctrico.
As empresas interesadas, que deben contar coa habilitación empresarial para este servizo, terán que propoñer o seu prezo unitario de todos os materiais incluídos na licitación e, no caso de ser as adxudicatarias, terán que subministralo ao Concello cando se lle requira ao longo deste ano, xa que o prazo inicial deste primeiro concurso remata o 31 de decembro. Ademais, as empresas, que non poderán ser adxudicatarias de máis de tres lotes para evitar monopolios, deberán entregar exclusivamente produtos con marcado homologado CE e terán que asumir os custos do transporte ata o punto de entrega.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou que "este proxecto xa en marcha baséase na competencia empresarial, na igualdade de oportunidades e no noso compromiso de levar a transparencia ao extremo, polo que favorecerá ás empresas interesadas e tamén ao Concello, que ademais obterá seguro un aforro derivado da competencia que nos permitirá ter recursos para máis infraestruturas e servizos públicos", detallou.
Relacionadas:
-
A Central de Compras de Cerdedo-Cotobade encara o seu cuarto ano cun orzamento de 250.000 euros
Por Redacción |
-
A Central de Compras de Cerdedo-Cotobade permite aforrar ao Concello un 18% en materiais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aforra 89.000 euros tras centralizar a adquisición de materiais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade activa dúas brigadas coa contratación de 24 persoas ata final de ano
Por Redacción |
-
Reanudan as obras públicas en Cerdedo-Cotobade tras a suspensión polo estado de alarma
Por Redacción |
-
Cancelados polo coronavirus a Feira de Cuspedriños e o San Xoán de Cerdedo
Por Redacción |