Identifican 802 elementos que 'desentoan' coa paisaxe urbana de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Hai máis de oitocentos elementos, concretamente 802, que segundo os expertos 'desentoan' na paisaxe urbana da cidade de Pontevedra. Todos eles, que foron xeolocalizados, forman parte da primeira parte do plan de diagnose impulsado polo Concello.
Este traballo foi realizado por un equipo de arquitectos e para levalo a cabo dividiron a cidade en 33 sectores. Empregaron ao redor de catro meses para identificar todos estes elementos.
A partir de aí, o goberno municipal prevé actuar sobre os elementos verticais visibles desde o espazo público e deficientes de calidade, de deseño ou de integración na escena urbana.
Entre estes elementos cóntanse medianeiras, valos publicitarios, muros ou mesmo parcelas pequenas que non teñen suficiente superficie para edificar.
A iniciativa pretende, ademais, complementar a transformación urbana de Pontevedra a través de pequenas actuacións nestes elementos que, ata o momento, non tiveron a adecuada integración, acabando así con este feísmo urbanístico.
O plan pasará agora a unha segunda fase na que se establecerán cinco niveis de relevancia para priorizar as actuacións e que atenderá, entre outros, a parámetros como o seu impacto visual, as posibilidades de solución a curto, medio e longo prazo ou o seu tratamento actual.
Cando remate todo este traballo de catalogación, segundo explica o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, programarase un calendario de xuntanzas coas asociacións de veciños e cos movementos sociais dos diferentes barrios para analizar cada proceso de integración.
Atendendo á actual situación de confinamento, haberá contactos coa veciñanza, ben de xeito presencial se o levantamento do estado de alarma o permitise, ou ben de xeito telemático se non fose posible outra opción.
Relacionadas:
-
Adeus aos valos publicitarios da cidade
Por Redacción |
-
Urbanismo inicia as xuntanzas veciñais para identificar os elementos que afean a paisaxe urbana
Por Redacción |
-
Cs propón reconverter os quioscos en desuso en centros de información sobre a Covid-19 e asesoramento da 'nova normalidade'
Por Redacción |
-
Oito de cada dez elementos que desentoan coa paisaxe urbana son medianeiras
Por Alejandro Espiño |
-
Os arquitectos colaborarán co Concello para axilizar as licenzas urbanísticas
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prepara un plan para corrixir o 'feísmo' na paisaxe urbana da cidade
Por Alejandro Espiño |