Aconsellan o uso de funxicidas con efecto cicatrizante para tratar as viñas con mildiu afectadas pola saraiba
Por Redacción
A Estación Fitopatolóxica Areeiro emitiu un novo aviso fitosanitario recomendando a revisión das viñas co obxectivo de detectar as posibles manchas de mildiu. Desde o centro dependente da Deputación sinalan que as choivas dos últimos días e as temperaturas suaves durante o día e frescas pola noite motivaron que a aparición do mildiu non evolucionase de forma significativa.
En todo caso recomendan que continúe a vixilancia, tanto nas tratadas como nas non tratadas, onde piden que se intensifique esa revisión. Desde O Areeiro inciden na necesidade do tratamento en caso de detectar síntomas e será necesario aproveitar momentos de claros no caso de que as previsións meteorolóxicas máis pesimistas, que manteñen a presenza de precipitacións, se cumpran.
Rosa Pérez, a responsable de avisos sanitarios, afirma que a revisión realizada durante esta semana mostra que as viñas visitadas, durante este tempo de estado de alarma, non se presenciaron novas manchas de mildiu, nin sequera nas dúas parcelas do Salnés onde foran detectadas con anterioridade.
Apunta tamén a que naquelas viñas de zonas onde se produciu saraiba ou pedrazo e sexa necesario intervir, recoméndase elixir un funxicida que leve unha materia activa con efecto cicatrizante. Neste sentido recoméndase que se engada un mollante ao caldo para favorecer a distribución e a adherencia do produto ás plantas.
Os recentes fenómenos de saraiba provocaron roturas de gromos e de follas, ademais doutras lesións que, segundo o centro, será máis evidentes co paso dos días. Témese que sobre estas lesións, coa humidade que se espera para os próximos días e os posibles ventos fortes, póidase instalar o patógeno. E por este motivo, insisten en que se hai que renovar o tratamento contra o mildiu se empregue unha materia activa con efectos fronte a este outro patóxeno. Tamén apareceron manchas de black-rot en viñas de O Condado y de O Areeiro. Se continúa o tempo húmido é posible que se incremente a súa presencia, alertan desde o centro.
O Areeiro detecta tamén o aumento da presenza de caracois nos viñedos, do mesmo xeito que noutros cultivos especialmente na horta, con síntomas de alteracións da madeira nalgunha viña.
En canto a outras especies, alertan de que se espera a aparición de bateriose nas plantacións do kiwi, debido á climatoloxía moi húmida. Neste sentido, Rosa Pérez afirma que os produtos cúpricos e o Bacillus subtilis están autorizados para empregarse e ambos teñen efecto fronte a podre, e que poden instalarse tamén en plantas de zonas onde caera saraiba ou onde se rexistren ventos fortes.
Por último, o aviso alerta de que, no caso da avespa dos castiñeiros, nesta semana se iniciaron as soltas do seu parasito por parte da Xunta de Galicia. Do mesmo xeito que en anos anteriores, as soltas realízanse por toda Galicia. Neste 2020, a novidade é que o Ministerio autoriza aos particulares e asociacións a realizar esta solta.
Mentres permaneza o estado de alarma decretado polo Covid-19, a Estación Fitopatolóxica lembra que manterá reducidos os percorridos polos cultivos da provincia.