O BNG condena que Defensa manteña o Hospital Naval como "hotel de luxo" e non o ceda ao Sergas
Por Redacción
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esixiu explicacións ao Ministerio de Defensa pola súa negativa para ceder á sanidade galega o Hospital Naval de Marín no caso de saturación do sistema sanitario.
A pregunta, rexistrada na cámara baixa, presentouse despois de que Defensa non aceptase ceder o uso do antigo hospital ao Sergas para habilitar máis camas se os pacientes con coronavirus desbordan a capacidade do hospital de Pontevedra.
Rego lamenta que o ministerio considere que "máis necesario" manter estas instalacións "como hotel, residencia ou balneario" para uso exclusivo militar que dedicalas ao "servizo público" como hospital dentro da crise do COVID-19.
O deputado nacionalista explica que este antigo hospital destínase a "residencia de uso por vacacións" dos suboficiais da Escola Naval de Marín, pero desde o seu cambio de uso "non sufriu ningunha alteración".
A súa estrutura e as súas dependencias, engade Néstor Rego, "son as máis idóneas" para poder destinalo a un uso hospitalario en caso de ser necesario.
O BNG lamenta que Defensa "unha vez máis lle dea as costas" ás necesidades dos cidadáns e rehúse ceder este antigo hospital.
Os nacionalistas lembran que este hospital foi no seu día solicitado polo Sergas como instalación sanitaria para dar servizo a Marín e a súa zona de influencia, cando aínda non se construira o actual centro de saúde de atención primaria.
"A resposta tamén foi negativa naquela ocasión", afirma Rego, que condena que Defensa optase por convertelo nun "hotel de luxo" para militares "de forma exclusiva e a un prezo subvencionado".
Este uso "lucrativo", segundo o deputado do BNG, primou por encima do seu posible destino a un "servizo básico esencial" como é a saúde pública.
Relacionadas:
-
O BNG critica a negativa de Defensa a ceder o antigo hospital da Escola Naval en caso de necesidade
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG pide a Defensa que ceda o antigo hospital da Escola Naval de Marín para facer fronte á crise sanitaria
Por Redacción |
-
O Sergas non poderá derivar pacientes ao antigo Hospital Naval de Marín en caso de colapso, pero si ao CGTD
Por Natalia Puga |
-
O Hospital Naval de Marín, unha "alternativa" para 100 pacientes leves de coronavirus en caso de colapso
Por Natalia Puga |