A CIG pide que se fagan test a todos os traballadores de ambulancias
Por Oskar Viéitez
O sector de Transportes da Confederación Intersindical Galega (CIG) dirixiuse á Consellería de Sanidade para esixir que se realicen test da Covid19 a todos os traballadores de ambulancias para evitar a expansión dos contaxios e medir o alcance da enfermidade entre este colectivo laboral.
A petición reviste máis urxencia logo de que a Administración retirara por defectuosas as mascarillas 95 Garry Galaxy, que estivo empregando o persoal sanitario incluído o de ambulancias.
Este venres, lembra o responsable da CIG-Transportes, Xesús Pastoriza, a Xunta procedeu a retirar e a cambiar estas mascarillas por outras novas, "pero isto non evita o posible contaxio do persoal de ambulancias que estivo traballando con elas durante días crendo que estaba protexido, nin o das persoas que tiveron contacto con estes traballadores e traballadoras".
Por iso, a CIG pide que se identifique a todo o persoal que estivo exposto a riscos, cunha "falsa protección", e se proceda "de inmediato" á realización do test que corresponda, "máxime cando dende a propia Xunta acaban de anunciar publicamente que se realizarán 100.000 test de Covid19 entre a poboación galega", afirman.