Rapazada, á rúa... pero con seguridade, chuvasqueiros e paraugas
Por Redacción
E agora que poden saír os rapaces, ponse a chover. É unha das expresións que se comentan entre moitas familias estes días porque as Rías Baixas continúan baixo a influencia das baixas presións, que se sitúan no norte de Galicia, segundo indica o servizo de Meteogalicia. Por este motivo, os ceos manteranse parcialmente cubertos, con choivas que de forma intermitente seguirán ao longo de toda esta xornada de luns. As temperaturas sitúanse entre os 12 e os 17 graos con ventos que soprarán de compoñente oeste, máis intensos durante a tarde.
O martes 28, a provincia de Pontevedra quedará na influencia dunha borrasca situada ao noroeste que enviará unha fronte chuviosa ao final da xornada. Os ceos continuarán parcialmente cubertos, con máis nubes en toda a franxa atlántica con posibilidade dalgún chuvasco. Pola noite, os ceos quedarán cubertos e as choivas chegarán a toda Galicia a medida que se achegue a madrugada. As temperaturas descenderán lixeiramente nas mínimas para quedar entre os 11 e os 16 graos. O vento soprará de suroeste, sendo forte en todo o litoral durante a noite.
A xornada do mércores non variará e Galicia continuará coa influencia das borrascas, de forma que se rexistrarán varias frontes durante todo o día. Os ceos permanecerán nubrados, con choivas máis intensas e frecuentes a partir do mediodía. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas quedarán sen cambios significativos. O vento soprará do suroeste.
Ata a fin de semana, as Rías Baixas permanecerán igual con este tempo marcado pola presenza de borrascas con ventos de compoñente oeste. As temperaturas mínimas serán suaves e as máximas manteranse baixas para esta época do ano. A partir do sábado, as altas presións entrarán polo esta e a situación tenderá a ser máis estable, con menos probabilidades de choivas e ascenso das temperaturas.