Roza e limpeza das sendas da Xunqueira de Alba para facilitar os paseos
Por Redacción
As medidas de desescalada dos últimos días están provocando que moitos pontevedreses se acheguen a pasear ou practicar deporte nas principais zonas verdes da cidade, entre elas a Illa das Esculturas e as marismas da Xunqueira de Alba.
Por este motivo, desde a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural están a intensificarse os labores de roza, limpeza e acondicionamento.
"Estamos a actuar nas marxes dos camiños para que, agora que hai un tránsito como nunca se vira, a xente poida camiñar sen problemas e teña espazo suficiente para cruzarse, mantendo sempre a distancia de seguridade. Non obstante, hai que ter en conta que se trata dun Espazo Natural de Interese Local e temos que intervir mantendo un equilibrio entre este incremento exponencial de uso e a conservación da flora e a fauna", sinala o concelleiro responsable da área, o socialista Iván Puentes.
A tarefa estana acometendo os operarios do servizo municipal de Medio Ambiente mediante máquinas cortacéspede e rozadoras. Todo o persoal vai dotado dos seus correspondentes equipos de protección individual.
Os traballos concéntranse nas marxes das sendas, especialmente na contorna dos camiños da desembocadura do río Rons e da zona de paseo para cans. Iván Puentes aclara que "non se pode acometer un desbroce xeralizado de tódalas pradeiras, xa que estamos en primavera e moitas especies vexetais e animais atópanse agora mesmo nun momento sensible e é aconsellable agardar a que rematen os seus ciclos".
Neste sentido, Puentes pídelles sensibilidade aos donos dos cans coa fauna da Xunqueira de Alba e rógalles "que eviten que as súas mascotas accedan ao río”, xa que “hai algunhas especies de paxaros, como os patos que precisan de tranquilidade para criar". Segundo apunta o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, "as aves poden estresarse moito pola presenza de cans, resultar feridas ou, no peor dos casos, mortas".
Iván Puentes asegura que, con esta posta a punto, o ENIL da Xunqueira de Alba "vai presentar un aspecto inmellorable", sobre todo despois da rexeneración da rede de sendas peonís das marismas, que a empresa EC Casas executou nun treito duns 500 metros entre o paseo da Xunqueira e a rúa da Gándara, grazas a un investimento de 12.000 euros.
Relacionadas:
-
Haberá sinalización con paneis informativos na Xunqueira de Alba e nos Gafos
Por Redacción |
-
Desinfectan os parques infantís cos mesmos protocolos que nos centros sanitarios pero sen data de apertura
Por Redacción |
-
As rozadoras chegan ás prazas do Teucro e A Ferrería
Por Manu Otero |
-
Monte Porreiro, A Parda, Os Gafos e O Peirao, seguintes paradas na posta a punto de parques e xardíns
Por Redacción |
-
Pontevedra inicia o expediente do contrato de mantemento de espazos públicos no rural
Por Oskar Viéitez |