Parques e Xardíns restaura os bancos e o valado do regato de Mollabao
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural continúa adiante coa segunda fase do proxecto de limpeza en profundidade e recuperación integral do leito do regato de Mollabao, no treito que discorre entre o lavadoiro da Fontesanta e a estrada Rosalía de Castro.
A actuación executada polo Servizo Municipal de Parques e Xardíns, que supón un investimento duns 34.000 euros, inclúe o acondicionamento da marxe dereita (do lado da pista de skate), na que xa se levantara un muro de pedra de 50 metros lineais, e a restauración de 15 bancos, a varanda que protexe o perímetro do afluente e os xogos e o valado do parque infantil.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, ten previsto ordenar ademais unha nova limpeza en profundidade e desbroce de malas herbas e silveiras, tanto no leito do regato como no perímetro do parque de educación vial e o contorno da Casa do Mar (ao outro lado da rúa Rosalía de Castro).
O edil socialista lembra que a recuperación da ‘améndoa’ do barrio de Mollabao entrará no seu punto culminante coa creación dun novo parque urbano entre as rúas Rosalía de Castro e Simón Bolívar (trala parada de autobuses), un proxecto ao que se destinou unha achega económica de 47.572 euros. Dado que a futura área de lecer se atopa debaixo da ponte da autoestrada AP-9, o seu departamento xa está a facer as xestións oportunas para obter o visto bo de Audasa e a pertinente autorización de Carreteras del Estado, que é a administración que terá a última palabra neste eido.
A xeración deste novo parque urbano suporá a posta en valor e a mellora paisaxística e de accesibilidade desta zona de encontro veciñal, contemplando a creación dun espazo de lecer infantil con xogos tradicionais galegos pintados no chan.
Relacionadas:
-
Que podemos facer se o veciño non limpa a súa parcela?
Por María José Pita |
-
Pontevedra pon a punto os xardíns urbanos e áreas de xogo da cidade
Por Redacción |
-
A Xunta adxudica a obra para mellorar a iluminación da rotonda elevada de Mollavao
Por Redacción |
-
Así será o novo parque urbano do barrio de Mollabao
Por Redacción |
-
O regato de Fontesanta emerxe en Mollabao
Por Redacción |