A Deputación e Abanca lanzan unha liña de financiación para paliar a crise da COVID-19
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra e Abanca veñen de subscribir o lanzamento do "Plan Reactivación", unha iniciativa que dá continuidade e un novo impulso ao "Plan Activamos", aplicado nos últimos anos por ambas as dúas entidades para promover o desenvolvemento socioeconómico da provincia ao través da concesión de financiación en condiciones preferentes a diferentes colectivos.
No acto de firma telemática participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o director de Negocio Institucional de Abanca, Santiago Novoa, e deuse a coñecer a principal novidade deste ano: a posta en marcha dun capítulo dedicado especificamente a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria xerada pola COVID-19 sobre as empresas e as persoas autónomas da provincia.
A súa filosofía de máxima facilidade de acceso ao crédito tradúcese na ausencia de comisións por estudo, amortización ou cancelación anticipada, a existencia de amplos prazos de amortización e a posibilidade de acollerse a períodos de carencia en determinados casos.
No caso das pemes e autónomos o plan presta especial atención ás súas necesidades de financiamento a curto prazo. O catálogo de produtos inclúe dúas pólizas de crédito, unha delas de carácter especial destinada á cobertura das necesidades de circulante derivadas da crise do COVID-19. Outras finalidades contempladas son a creación de novos negocios, a realización de novos investimentos, o fomento da eficiencia enerxética e a dixitalización.
Os produtos para familias están orientados á adopción de enerxías renovables, a mellora enerxética e de accesibilidade no fogar, a dotación tecnolóxica, e a mellora da habitabilidade no medio rural.
As corporacións locais contarán con financiamento para a realización de investimentos, circulante, avais e cesión de pagos a provedores.
Relacionadas:
-
A Deputación flexibiliza o seu calendario fiscal polo Covid-19
Por Redacción |
-
A presidenta da Deputación reclama a Núñez Feijóo unha reunión para crear un plan de reconstrución de Galicia
Por Redacción |
-
Abanca e a Deputación reeditan o seu plan de financiamento a familias e pemes coa vista posta na internacionalización
Por Redacción |