Unha octoxenaria atopa un IPhone e négase a devolvelo
Por Oskar Viéitez
Desde hai 131 anos o Código Civil español inclúe un precepto que regula o réxime xurídico do achado. É o artigo 615 que di: "o que atope unha cousa moble, que non sexa un tesouro, debe restituíla ao seu anterior posuidor".
Máis nova que este artigo é a muller protagonista da seguinte anécdota. Unha pontevedresa de 84 anos que parece inclinarse máis pola outra idea de "quen o atopa queda con el".
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Local de Pontevedra, na tarde do pasado luns un matrimonio achegouse a unha patrulla de axentes municipais que se atopaba no cruzamento das rúas Benito Corbal con Daniel de la Sota e explícanlles que perderon ou lles roubaron un teléfono móbil modelo IPhone 6. Foron conscientes da súa desaparición logo de estar sentados nun banco da rúa Gutiérrez Mellado.
Diante dos axentes con outro teléfono abriron unha aplicación e localizaron o iPhone desaparecido situándoo moi preto de alí no mapa na rúa González Zúñiga fronte á Peregrina. Os policías acudiron ao lugar e preguntaron sen éxito ás persoas que estaban nas terrazas dos bares.
Despois dun tempo de espera volveron probar sorte e activaron o servizo de localización que fixou a posición do dispositivo na rúa Pai Amoedo. De novo desprázase ata alí a patrulla e chama a súa atención unha parella de persoas maiores que acababan de ver en González Zúñiga.
O policía dirixiuse a eles e preguntoulles: "Boas tardes, teñen vostedes un teléfono móbil que non é seu?" ao que a muller de 84 anos respondeu negativamente de maneira rotunda mentres que o home, de 75 anos, admitiu que si, sacando o IPhone do peto e entregándollo ao policía. Ela reaccionou entón contrariada e increpou ao seu marido que trataba de explicar aos policías que o atoparan nun banco.
A muller restou importancia ao feito de que o teléfono estivese a recibir continuas chamadas e esixiu que o seu propietario lle pagase por devolvelo.
A día de hoxe o dono do móbil non presentou denuncia por estes feitos.