Persoal de centros dependentes de Política Social inicia protestas para reclamar á Xunta as súas vacacións
Por Mónica Patxot & Redacción
´Feijoo e Fabiola restrinxen as vacacións dos traballadores', 'Conselleira non hai dereito'. 'Non máis abusos ao persoal de política social', 'Por uns servizos públicos e de calidade' son lemas cos que este xoves os sindicatos UXT, Comisións Obreiras, CIG e CSI- F iniciaron un calendario de protestas ante residencias de maiores de toda Galicia e dependentes da Xunta, para reclamar ao executivo galego as súas vacacións.
No caso de Pontevedra, a protesta tiña lugar ao mediodía ás portas da Residencia de Maiores de Campolongo. O malestar estriba "na actitude que toma a Consellería de Política Social que a través dunha circular prohibe aos traballadores de centros da súa competencia coller vacacións durante o período estival", explica Juan Loureiro, secretario provincial da Federación de Servizos de UXT.
"Son traballadores que estiveron todos estes meses ao pé do canón, sometida a unha tensión grandísima e por iso non entendemos que a Consellería lles negue estas vacacións agora. Din que ninguén pode pedir vacacións neste período de verán e consideramos que agora que se vai volvendo á normalidade o lóxico é que todo este persoal puidese descansar despois de toda a tensión á que estiveron sometidos", engade.
No caso da provincia de Pontevedra, esta negativa afectaría ao redor de tres mil setecentas persoas, correspondentes non só a centros de maiores, tamén ao resto que depende de Política Social, como pode ser na capital o Centro de Menores Avelino Montero.
Os portavoces sindicais explican que tiveron coñecemento da circular fai quince días e que a pesar de tentar que a administración autonómica reconsiderase a súa decisión, non se atenderon as súas reclamacións, polo que se viron abocados á protesta. A deste mércores é a primeira das concentracións autorizadas que continuarán, segundo contemplan, os días 4, 11, 18 e 25 de xuño e o 2 de xullo.
Relacionadas:
-
Os traballadores públicos dependentes de Política Social dan tregua ás súas protestas ata o mes de setembro
Por Redacción |
-
O persoal de Política Social continúa coas protestas para reclamar a negociación da súa situación laboral
Por Redacción |
-
As residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade reactívanse con cautela
Por Redacción |
-
Convocan unha manifestación do persoal de centros sanitarios pidindo a dimisión da xerencia para este venres 29 por Pontevedra
Por Anxo Lourido |
-
A CIG concéntrase ante a Subdelegación, convencida de que o Goberno de Sánchez non vai derrogar a reforma laboral
Por Redacción |
-
Concentracións nos hospitais públicos para reclamar á xerencia planificación do persoal para os vindeiros meses
Por Redacción |
-
Protesta da CIG ante a Xunta contra as políticas laborais e económicas do goberno de Núñez Feijóo
Por Redacción |