Moraña modifica o crédito de destinar 100.000 euros a axudas directas a autónomos e pemes
Por Redacción
O Concello de Moraña aprobou, en sesión plenaria telemática, a modificación de crédito do Orzamento Municipal que se habilitou hai unha semana e que permitirá dispoñer de fondos para a partida de 100.000 euros destinada á concesión de axudas económicas directas para autónomos, microempresas e pemes do municipio co obxectivo de paliar os graves efectos socioeconómicos causados nos seus negocios e actividades pola crise sanitaria do coronavirus.
Deste xeito, agora só restará que a alcaldesa, Luisa Piñeiro, proceda á aprobación directa desta medida, que foi deseñada nas últimas semanas polo goberno local e os servizos técnicos municipais e que contou co apoio da oposición nas comisións informativas, e á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) para que se abra o prazo de solicitude por espazo de vinte días.
As bases destas subvencións, contemplan a concesión dunha axuda de 900 euros a todos os autónomos e pemes de Moraña que se viran obrigados ao peche como consecuencia do Real Decreto do 14 de marzo que aprobou o Estado de Alarma e outra de 400 euros para aqueles que no mes anterior á solicitude desta subvención viran reducida a súa facturación en alomenos un 50% con respecto á do semestre natural precedente. En caso de que a actividade teña unha antigüidade inferior a seis meses, baremarase co período de funcionamento da mesma, trasladan desde o Concello.
Polo demais, nas bases das axudas tamén se contemplan algúns condicionantes, xa que os beneficiarios non poderán ter obtido compensacións dos peches a través de negocio on-line ou telefónico, teñen que ter o domicilio fiscal ou o seu local en Moraña, deben estar ao día na xustificación de subvencións municipais, non poden contar con débedas pendentes co Concello, asumen a obriga de manter a actividade alomenos tres meses e, no caso de que reciban outras axudas similares, non poderán superar a contía na que viron reducidos os seus ingresos.
Tan pronto como se abra o período de solicitude das axudas, o modelo de documentación e as propias bases colgaranse na páxina web oficial do Concello e as peticións deberán cursarse, no citado prazo de vinte días, de xeito telemático a través da sede electrónica aínda que, no caso das persoas físicas (autónomos), poderán facelo presencialmente no rexistro xeral do consistorio.
Relacionadas:
-
Prevén abrir o prazo esta semana para que autónomos e pemes soliciten axudas ao Concello de Moraña
Por Redacción |
-
Moraña inicia unha campaña para "activar" o comercio e a hostalería
Por Redacción |
-
Moraña ofrece axudas ao seu tecido empresarial para superar a crise do coronavirus
Por Redacción |
-
Moraña amplía os traballos de desinfección
Por Redacción |
-
Un total de 87.485 traballadores da provincia acolléronse a un ERTE e o 99% dos tramitados aprobáronse
Por Natalia Puga |
-
O Concello de Moraña destina 100.000 euros de axudas a autónomos e pemes
Por Redacción |
-
O Concello de Ponte Caldelas transferiu o 72% das axudas directas a pemes e autónomos locais
Por Redacción |