O pleno de Caldas aproba o modificado do proxecto do edificio da Escola de Música
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis celebrou este luns un pleno urxente e extraordinario no que se aprobou o proxecto modificado da obra do novo edificio da Escola Municipal de Música e outros usos institucionais.
En concreto, esta modificación implica variacións orzamentarias non contempladas no proxecto inicial que se derivan de cambios nas instalacións do andar baixo para a mellora da zona de oficinas e da instalación eléctrica co obxecto de conseguir un maior aforro enerxético. Tamén foi necesario incluír o gasto relativo ao desvío dunha liña eléctrica que atravesaba a parcela e incluír algunhas variacións nas medicións.
O edificio está xa practicamente finalizado e agárdase que a recepción da obra por parte do Concello poida ter lugar nos próximos días.
O proxecto ten un orzamento dun millón de euros e está financiado principalmente pola Deputación de Pontevedra, a través do Plan de Investimentos en Equipamentos e Dotacións Únicas na Mellora do Reequilibrio Territorial dos Servizos. Os autores son os arquitectos Santiago Domínguez Fernández e Silja Molist López e Santiago Domínguez Baltar como director de obra.
Trátase dunha edificación de volume modular que é o resultado das prestacións requiridas polo Concello para acoller a Escola Municipal de Música e outros usos formativos e administrativos.
O alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, destacou "a importancia deste edificio para impulsar como se merece a Escola Municipal de Música e reforzar outras actividades culturais e educativas", estando tamén previsto que acolla dependencias administrativas e institucionais.
"É unha instalación singular que contribuirá ao desenvolvemento da parroquia de Santa María e que non só vai dar servizo a todo o municipio, senón tamén á comarca de Caldas", engadiu Juan Manuel Rey.
O alcalde aproveitou tamén para agradecer o apoio económico da Deputación de Pontevedra para a realización deste proxecto que conta con 1.350 metros construídos que se destinarán á ensinanza musical e a outros usos educativos e formativos.
Relacionadas:
-
Veciños anónimos doan un piano de comezos do século XX, unha trompa e unha colección bibliográfica á Escola de Música de Caldas
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para apuntarse á Escola Municipal de Música de Caldas, que estrea instalacións
Por Redacción |
-
Caldas leva a pleno o crédito para a demolición da nave situada ao lado da Escola de Música
Por Redacción |
-
Caldas de Reis reinicia as obras do edificio municipal da Escola de Música
Por Redacción |