Caldas leva a pleno o crédito para a demolición da nave situada ao lado da Escola de Música
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis celebra o próximo xoves un Pleno ordinario con varios temas de relevancia municipal. A sesión, que terá lugar a partir das 19.00 horas, inclúe a aprobación dun expediente de transferencia de créditos por importe de 60.000 euros destinado, por un lado, a financiar as obras de demolición da nave situada na parcela colindante ao novo edificio da Escola Municipal de Música e, por outro, a cantidade económica necesaria para completar o orzamento do arranxo da pista de San Martiño, que se cofinancia entre Xunta de Galicia e Concello.
A nave situada á beira da nova Escola Municipal de Música empregábase para acoller os obradoiros da escola taller. Actualmente emprégase para gardar material do Servizo de Obras e o seu derrube é necesario para poder finalizar a medianeira do novo edificio da Escola Municipal de Música, así como para deixar totalmente libre a superficie ofrecida polo Concello para o futuro centro de saúde.
O proxecto ten un orzamento duns 26.000 euros e contempla a demolición completa da edificación por medio de métodos mecánicos, a adaptación posterior da parcela, así como o traslado de todos os materiais do Servizo Municipal de Obras que se gardan no lugar.
Doutra banda, o expediente de transferencia de créditos contempla os 34.000 euros da parte económica que lle corresponde aportar ao Concello para o arranxo da pista interior do núcleo do lugar de San Martiño, na Entidade Local Menor de Arcos da Condesa. A actuación ten un orzamento total de 73.102 euros. A cantidade restante é financiada pola Consellería de Vicepresidencia a través dunha achega correspondente á orde de subvencións para a "creación ou mellora de servizos municipais".
Na orde do día don Pleno do xoves tamén se inclúe a incorporación ao Inventario Municipal de Bens dos camiños afectados pola fase 1 do proxecto de saneamento de augas residuais de Paradela, na parroquia de Bemil. Con esta actuación orzamentada en 288.000 euros e programada xunto co saneamento en Segade de Arriba, a separativa da rúa Real e a mellora do entorno do río Bermaña, o Concello segue avanzando no Programa de Ampliación e Mellora da rede de saneamento a todo o termo municipal.
A sesión plenaria tamén incorpora a dación de conta e remisión dos informes de execución trimestral correspondentes ao 1º trimestre de 2020, así como o debate das mocións presentadas polos grupos políticos.