Brinde final para o 25 aniversario da Escola de Música de Caldas: estrea novo edificio
Por Redacción
A Escola de Música de Caldas de Reis estreou este mércores, coincidindo co seu 25 aniversario, a súa nova sede. Trátase dun edificio construído polo Concello cun orzamento de 913.000 euros financiados pola Deputación de Pontevedra con cargo ao Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o alcalde, Juan Manuel Rey, inauguraron o edificio este mércores nun acto institucional no que participaron os deputados Manuel González e Santos Héctor; concelleiros de Caldas de Reis e o equipo docente da Escola de Música. Os asistentes realizaron unha visita pola obra e presenciaron un pequeno concerto a cargo do profesorado e alumnado.
Trátase dun edificio multifuncional de 1.350 metros cadrados distribuídos en dous andares cun deseño arquitectónico vangardista e que tamén acollerá diversos servizos municipais.
Carmela Silva expresou a súa felicidade por poder inaugurar un inmoble que cualificou como un "contenedor cultural que é marabilloso e merecedor de premios de arquitectura" e destacou que Caldas de Reis é un centro neurálxico do Camiño de Santiago que se caracterizou sempre pola súa aposta pola cultura e que agora poderá aumentala cun fermoso edificio que estará cheo de actividade.
Carmela Silva tamén glosou as virtudes da Escola e a Banda de Música de Caldas, unha das que que contribúen a que a provincia de Pontevedra "sexa das máis potentes de España", e comprometeuse a Caldas durante o ano 2021 para unha inauguración "como se merece esta sede da Escola de Música, cun gran concerto da Banda de Música".
Juan Manuel Rey explicou que tiña grande interese en celebrar este acto antes do remate do ano para facelo coincidir co 25 aniversario desta Escola de Música "que só nos deu satisfaccións" e destacou que é toda unha referencia non só para a aprendizaxe musical, senón para a formación en valores de educación, cultura e igualdade.
O alcalde cualificouno o novo edificio como "a primeira pedra dun novo desenvolvemento urbanístico, dunha nova centralidade" e reivindicou con orgullo o valor da Escola de Música de Caldas, que o Concello xestiona directamente, e da súa Banda de Música, "un plus moi grande para o pobo".
O novo edificio está situado na travesía da avenida de Dona Urraca, a carón do cuartel da Garda Civil, na parroquia de Santa María, xusto na entrada ao centro urbano e accédese por unha nova praza pública, pois as obras incluíron a urbanización da contorna, actuando sobre un espazo total de 10.000 metros cadrados.
O resultado é un espazo accesible que funciona como adro e que está pensado tamén para acoller ensaios da Banda. A praza intégrase coa súa contorna incluíndo zonas verdes con laranxeiros, que darán sombra e cor.
A Escola Municipal de Música de Caldas de Reis funciona dende o ano 1995 e alberga este curso a 180 estudantes, polo que cubre a totalidade da súa matrícula. Ofrece clases a partir dos 4 anos en todas as disciplinas instrumentais, linguaxe musical, harmonía, música en movemento, amais de cursos de preparación para o acceso ao Conservatorio. Imparte 8 especialidades formativas e ensinanza nos instrumentos de piano, guitarra, violín, percusión, trompeta, trompa, trombón bombardino, tuba, saxofón e clarinete.
Relacionadas:
-
Os 'populares' de Caldas critican que o inaugurado edificio da Escola de Música continúe sen rematar
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para apuntarse á Escola Municipal de Música de Caldas, que estrea instalacións
Por Redacción |
-
Caldas leva a pleno o crédito para a demolición da nave situada ao lado da Escola de Música
Por Redacción |
-
Caldas de Reis reinicia as obras do edificio municipal da Escola de Música
Por Redacción |