Ciudadanos pide destinar partidas non executadas do orzamento a políticas sociais e á exención de taxas
Por Manu Otero
Ciudadanos presentará unha moción no pleno do próximo 15 de xuño na que pedirá unha "modificación orzamentaria destinadas a gastos que non se van a poder realizar" para destinar eses fondos a redución de impostos, exención de taxas para autónomos ou desempregados e potenciar políticas sociais.
O concelleiro da formación laranxa, Gregorio Revenga, considera a adopción destas medidas "unha decisión política" e contradí a versión de César Mosquera pola que xustificaba o mantementos destes tributos porque "estaba en xogo a estabilidade orzamentaria do Concello", sinalou o edil da oposición.
Desde Ciudadanos están convencidos de que hai partidas orzadas destinadas a actividades ou subvencións que non poderán executarse pola actual situación de crise sanitaria. Cífrano en 3,5 millóns de euros e Revenga considera que unha pequena parte desa cantidade sería suficiente para axudar ao tecido empresarial e ás persoas con menos ingresos a soportar a crise económica derivada da pandemia da Covid-19.
Na súa primeira comparecencia diante dos medios desde o decreto do estado de alarma, o edil de Ciudadanos, que empezou a súa intervención agradecendo o labor de todos os traballadores implicados na xestión da crise, criticou tamén a "falta de lealdade" do goberno local aos que acusa de non facilitar información á oposición sobre as medidas que están a levar a cabo.
En concreto referiuse á campaña PonteLovers, dirixida polo departamento de Promoción Económica, que encabeza a socialista Yoya Blanco, á que xa remitiron por escrito a petición do custo total da campaña.
Sobre a súa continuidade no partido despois de ser suspendido de forma cautelar por apoiar os orzamentos municipais de BNG e PSOE, Revenga explica que o proceso "se mantén en espera" despois da entrada dunha nova directiva e a proximidade das eleccións autonóminas. "Pero eu sigo facendo o meu labor como concelleiro", rematou, non sen antes cuestionar a seguridade da celebración das festas da Peregrina ou Feira Franca ou a posta en marcha do sistema de compostaxe individual.
Relacionadas:
-
Pontevedra aproba o seu plan financieiro entre críticas da oposición á xestión económica
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ciudadanos retoca a súa lista por Pontevedra pero mantén a Beatriz Pino como candidata
Por Redacción |
-
Goyo Revenga tilda de "discriminatorio e arbitrario" o trato que recibe de Ciudadanos
Por Redacción |
-
Cidadáns suspende de militancia a Goyo Revenga por apoiar os orzamentos de BNG e PSOE
Por Natalia Puga | Creada e actualizada