Pontevedra aproba o seu plan financieiro entre críticas da oposición á xestión económica
A corporación municipal de Pontevedra aprobou, cos únicos votos favorables dos dous partidos que conforman o goberno municipal -BNG e PSdeG-PSOE-, o plan económico e financeiro que o Concello tivo que elaborar tras incumprir a regra de gasto.
Foi no medio das críticas da oposición, fundamentalmente o Partido Popular, á xestión económica do goberno municipal. Todo iso nun pleno ao que acudiron todos os edís salvo Anabel Gulías, Alberto Oubiña e Yoya Blanco, que participaron por medios telemáticos.
O edil de Facenda, Raimundo González, explicou que o Concello incumpriu a norma de gasto, nuns 2,6 millóns de euros, por un aumento na execución do orzamento, algo que non supuxo incorrer en déficit ou en gastar máis do ingresado.
Así o acredita o informe do servizo de Intervención, que apunta segundo González a que esta situación é "coxuntural e extraordinaria" e que o goberno municipal non terá que adoptar "medida algunha" para corrixir este desfasamento nas súas contas. "Non hai caso", defendeu.
O portavoz do PP, Rafa Domínguez, asegurou que "algo no se está haciendo bien" cando se incumpre as normas de gasto e vaticinou que esta situación creará unha situación "dobremente agravada" que, entre outras cuestións, obrigará a incrementar a presión fiscal.
"Es increíble que vayan a subir las tasas", lamentou Domínguez, que acusou ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de estar "fuera de la realidad".
Os populares presentaron ademais unha moción para que o Concello suprima as taxas de veladores durante todo o ano 2020 e da taxa de lixos a negocios e autónomos durante o estado de alarma, devolvendo os recibos que se cobraron.
O líder do PP subliñou o "clamor social" que existe na cidade para que o goberno municipal reduza estas taxas, algo que serviría para "enmendar el abandono" do Concello aos cidadáns "en uno de los peores momentos".
Esta medida, insistiu Rafa Domínguez, é "adecuada y asumible", aínda que entende que "llega tarde" ante unha "frialdad, desprecio e insensibilidad, que ao seu xuízo, demostrou o goberno municipal durante a pandemia, algo que "bordea lo inadmisible".
Lamentou que o Concello "se ría de los vecinos" ao asegurar que non teñen diñeiro e sigan anunciando investimentos de miles de euros para "lombos y composteros". Domínguez reiterou que "no hay derecho a que la prioridad sea esta y no las personas".
Esta medida foi rexeitada por BNG e PSdeG-PSOE. O edil César Mosquera explicou que "non é serio" que os populares traian a mesma moción a plenos sucesivos e sinalou que as medidas adoptadas polo Concello son "exactamente as mesmas" que as da Xunta, entre elas o aprazamento das taxas ata final de ano.
Nestes momentos, reiterou Mosquera "non sabemos que vai a pasar" e, entre outras cousas, se o Estado "nos vai a quitar os remanentes" ou se aplicará recortes "bruscos e contundentes" este ano, polo que apelou á "prudencia" antes de adoptar decisións. "Ninguén está pagando ata agora e despois xa veremos", engadiu.
No pleno tamén foi rexeitada a moción do PP para reforzar os servizos sociais e crear unha mesa local de emerxencia social e económica, unha petición "extemporánea" segundo a edil de Benestar Social, Paloma Castro, xa que ambas as cuestións xa se realizaron.
Co único voto a favor do seu impulsor, Goyo Revenga, tampouco foi aprobada a súa iniciativa para redistribuír ata 3,5 millóns do orzamento municipal para destinalos a combater os efectos da pandemia da COVID-19. A maior parte desas partidas, defendeu o goberno municipal, xa están gastadas ou comprometidas.
INSTALACIÓNS DEPORTIVAS
O concelleiro popular Guille Juncal, pola súa banda, propuxo eliminar a taxa de uso polas instalacións deportivas municipais, para que os clubs non teñan que pagala ata final de ano e crear unha mesa de traballo co sector para paliar a crise provocada polo coronavirus.
Esta crise, segundo Juncal, "vai a dificultar aínda máis" que os clubs poidan captar capital privado, algo que se suma á caída dos ingresos pola redución de aforo nos seus partidos, polo que o Concello "non lle pode dar as costas ao noso deporte".
O responsable de Deportes, o socialista Tino Fernández, explicou que a ordenanza que regula estes espazos "non contempla" exencións deste tipo salvo para colexios públicos, e acusou ao PP de "abrir un melón moi perigoso" para os clubs deportivos da cidade.
A modificación desta ordenanza obrigaría, segundo Fernández, a "revisar" os prezos que pagan os clubs por usar estas instalacións, fixados en 1989, o que implicaría polo aumento do IPC desde entón un incremento do 105% desta taxa.
"Fraco favor faríamoslle aos clubs se lles eximimos da taxa durante oito meses para despois cobrarlle máis do dobre", sinalou o edil de Deportes, que asegurou que ningún club da cidade solicitou esta exención de taxas na reunión mantida a pasada semana.
Isto é así, segundo Tino Fernández, porque desde a disolución do Instituto Municipal de Deportes (IMD) ningún club paga por usar as instalacións deportivas municipais, excepto os que empregan o pavillón municipal, que son seis dos 63 rexistrados en Pontevedra.
Relacionadas:
-
Non haberá aumento nos impostos e taxas de Pontevedra por sétimo ano consecutivo
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello ve "inservible" a decisión do Goberno de suspender a regra de gasto para o que queda do 2020
Por Redacción |
-
Proxectan remodelar as instalacións do parque de bombeiros de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Negocian o traslado dos gansos do Nilo a un centro ornitolóxico para evitar a súa "eutanasia"
Por Redacción |
-
Ciudadanos pide destinar partidas non executadas do orzamento a políticas sociais e á exención de taxas
Por Manu Otero |
-
O Goberno local aproba o Plan Económico-Financeiro coa abstención da oposición e pasa páxina: "non hai caso"
Por Natalia Puga |
-
O PP propón eliminar as taxas de veladores e lixo porque cobralas "é sentenciar a morte" aos pequenos negocios
Por Redacción |