Negocian o traslado dos gansos do Nilo a un centro ornitolóxico para evitar a súa "eutanasia"
Por Redacción
Os 14 exemplares de ganso do Nilo que se atopan polo municipio de Pontevedra continuarán con vida. Así o afirmou Iván Puentes, concelleira de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural do Concello de Pontevedra.
A empresa Larus Control sinalou que hai tres parellas e oito gansos novos polas rúas da cidade. A intención do goberno local de Pontevedra é que se trasladen a algún centro de conservación de fauna de Galicia, entre os que se estuda o parque zoolóxico ornitolóxico Avifauna, situado en Outeiro do Rei (Lugo). Para proceder a ese traslado, o concelleiro púxose en contacto coa Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.
Iván Puentes aclara que a decisión de sacar a estes exemplares da contorna urbana parte do Servizo de Patrimonio Natural da Xunta, organismo que instou en marzo ao Concello de Pontevedra a eliminar a esta especie. O motivo? Trátase de exemplares invasores que poñen en perigo a subsistencia doutras especies autóctonas, afirma o concelleiro que engade que hai instrucións das administracións europeas, estatais e autonómicas nesta liña de retirar a estes animais dos ríos europeos.
O responsable de Medio Natural afirma que estes gansos do Nilo son como a velutina ou o cangrexo americano, que tamén se atopan na zona da Xunqueira de Alba. Lembra que estas especies destrúen o ecosistema propio de Galicia eliminando a outras especies autóctonas. No caso dos gansos tamén se considera que son transmisores de enfermidades como a gripe aviaria.
O concelleiro apunta a que os controis se realizan para evitar que se estendan e evitar situacións como a que sofre Holanda onde o crecemento anual sitúase nun 28% desde o seu establecemento en zonas silvestres no ano 1999.
A intención, sinala Puentes, é que con autorización expresa da Xunta que polo momento mostra moi boa predisposición se lles atope un lugar en instalacións que permitan o seu control e eviten que se escapen e poidan reproducirse. O representante municipal asegura que os gansos do Nilo non serán retirados dos ríos de Pontevedra ata que se garanta que non serán sacrificados. "Non se vai a dar ningún paso que implique a eutanasia destes animais", afirma o concelleiro.
A CONTROVERSIA DOS GANSOS APARECE NO PLENO
A polémica polo futuro dos gansos do Nilo en Pontevedra xurdiu tamén no pleno municipal, celebrado este luns no Teatro Principal. Foi tras as continuas alusións do popular Rafa Domínguez ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, ao que lle preguntou "si era un metepatas o un matapatos".
En resposta, César Mosquera amosouse sorprendido de que a Xunta "mande que se erradiquen os patos e o método polo que se fai e resulta que a culpa é do alcalde".
"Asegúrolle que este goberno non tiña ningunha intención de meterse cos preciosos e agresivos patos. Nin de coña", engadiu Mosquera, que asegurou que con este tema "nos estamos pasando catro pobos".
Relacionadas:
-
Os gansos do Nilo volven criar no Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra aproba o seu plan financieiro entre críticas da oposición á xestión económica
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra decláralle a guerra aos gansos do Nilo
Por Redacción |
-
A familia dos gansos do Nilo, de paseo cara o Gafos facendo uso do paso de peóns
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Os gansos do Nilo pasean por Pontevedra para amosar a cidade ás súas novas crías
Por Redacción & Mónica Patxot |