Comer sardiñas polo San Xoán terá premio nos establecementos de Poio
Por Redacción
Ante a cancelación dos eventos masivos como as verbenas, a gran fogueira e, sobre todo, a sardiñada popular que se celebraba habitualmente na explanada da Seca, as concellerías de Festexos e Cultura dan vida á campaña "Merca en Poio polo San Xoán" que quere servir para dinamizar estes sectores, que foron dos máis afectados pola dura situación económica derivada da crise sanitaria da Covid-19.
Deste xeito, o Concello premiará a aquelas persoas que aposten polos establecementos locais á hora de realizar as súas compras no pequeno comercio. A campaña permanecerá activa desde o venres 19 de xuño ata o sábado 27, ambos incluídos.
Os clientes serán agasallados cun "merchandising" deseñado expresamente para dar vida a esta iniciativa. Polo que respecta á hostalería, ante a cancelación da tradicional sardiñada, promoverase o consumo de sardiñas en establecementos locais, nos que os comensais tamén recibirán unha mochila como agasallo. Esta iniciativa en concreto se levará a cabo o día 23. Os negocios interesados en tomar parte nesta campaña poderán anotarse enviando os seus datos á dirección de correo electrónico poiocultura@concellopoio.gal.
Tanto a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, como o responsable de Festexos, Xosé Luís Martínez, entenden que as Festas de San Xoán poden ser unha ferramenta ideal para axudar a dar un novo pulo á actividade económica de Poio. Neste sentido, non hai que esquecer que o Goberno local fixo realidade xa varias iniciativas en materia económica, de dinamización e formación e asesoramento nos últimos meses, para axudar, dentro das súas posibilidades, a autónomos, empresarios e profesionais dos sectores máis prexudicados pola crise, como son a hostalería, o comercio ou o turismo.
Relacionadas:
-
Recta final da programación alternativa das Festas de San Xoán
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio controlará o aforo e consumo de alcol e drogas nas cacharelas de San Xoán
Por Redacción |
-
A Música en directo, as actividades lúdico-deportivas e a gastronomía, protagonistas do San Xoán de Caldas
Por Redacción |
-
As Festas de San Xoán estenderanse por toda a parroquia
Por Oskar Viéitez |
-
Aberto o prazo para que a hostalería de Marín solicite asadores para a noite de San Xoán
Por Redacción |