Nada de tangas, fíos, push up, aros ou encaixes. En Muchachicha a roupa interior reivindica a comodidade, os corpos sen complexos e a sustentabilidade acompañada de iconografía mitolóxica. Quen reivindica e elabora estas pezas son dúas mozas afincadas en Pontevedra. Pilar Ceneri é arxentina e Noela Hermida, oriúnda de Poio, que recibiron a PontevedraViva Radio na súa casa-taller.
A iniciativa empresarial xurdiu hai un par de anos cando quixeron sentirse cómodas mentres lían ou facían ioga. Por que non poder facelo en bragas? E a iso puxéronse. A idea tiña que cumprir algúns requisitos. Un deles que esta peza íntima fose sostible, por iso traballan con téxtiles procedentes de comercio xusto, isto é, algodón de orixe orgánica mesturado con bambú.
Outro dos requisitos é que fosen cómodas, así que descartaron o tanga e crearon o que denominan 'bragolas': braguitas non son, tampouco bragazas, e "bragola soaba divertido porque tamén lle quita ese tabú que é falar de bragas", explica Noela, quen engade que hai xente que se apuntou ao "me cajo no mundo vaia bragas". O feminismo plásmano nas deusas mitolóxicas que reflicten as pezas: "o imaxinario de muller que xera cada cultura serve para ver como lla ve ao longo da historia e iso é super importante", explica Pilar.
Atópanse coa tiranía das tallas e da aceptación do corpo: "cremos que falta educación neste sentido e hai moita presión. Temos iso de ver o noso corpo e non querer entrar nun lugar tan grande. E outro estigma co que nos atopamos é o de que as chuchas teñen que ir ergueitas", así que fronte ao realce, elaboran tops. A estas dúas pezas engadiron camisetas unisex, para levar por dentro ou por fóra, suadoiros e monos de verán, comentan nestas Conversas na Ferrería.
Lembran que a súa primeira 'bragola' vendérona nunha das edicións da Sétima Feira. Agora que a situación pandémica leva por diante bo número das feiras artesanais ás que habitualmente acudían, teñen que envorcarse na venda online. E para facerse presentes e promocionar Muchachicha sumáronse a outra iniciativa municipal: PonteLovers.