A área sanitaria rompe con máis dunha semana sen novos contaxios e suma dous positivos por coronavirus nun día
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés rompeu este venres a tendencia que mantiña desde fai máis dunha semana e, oito xornadas despois, sumou novos casos positivos de coronavirus. Este venres, ten nove casos activos, dous máis que a xornada anterior, aínda que se mantén como a área sanitaria de Galicia con menos casos.
Segundo a información oficial do Servizo Galego de Saúde en Pontevedra, a área sanitaria mantense sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos de, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Os nove casos activos que se contabilizan na área sanitaria son pacientes que evolucionan nos seus domicilios. Este xoves eran sete e ata o mércores mantivéronse varios días en oito.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 892 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron nesta área sanitaria 16 pacientes.
Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 341, deles 109 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 24 da de Ourense, 9 da de Pontevedra, 141 da área de Vigo, 29 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 6 están en unidades de hospitalización e 335 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Por agora, en Galicia hai un total de 10.518 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 163.569 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supón o 0,02% do total das persoas residentes. Dos 341 casos positivos na comunidade, 5 son usuarios e un é profesional de centros residenciais. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.