Unha semana para erradicar a plumofobia

Por Redacción

© Mónica Patxot

© Concello de Pontevedra
Unha bandeira confeccionada con plumas sintéticas multicolor colga desde este luns do balcón da casa do concello. É o modo elixido polo Concello de Pontevedra para inaugurar a semana do Orgullo LGTBIQ+ que este ano ten como obxectivo denunciar e erradicar os casos de acoso e violencia que aínda seguen padecendo os membros deste colectivo.
Pola crise sanitaria será unha celebración atípica, pero a semana do Orgullo desembarca en Pontevedra cargada de eventos. "Empezamos hoxe colgando esta bandeira feita con plumas", declarou a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Paloma Castro, antes de debullar todo o programa que encherá diversos recunchos da cidade de actos durante os próximos días.
Para este martes ás 20 horas no espazo gastronómico do Mercado está prevista unha sesión de contacontos con aforo limitado para seguir, a partir das 22.30 horas, cun espectáculo para un público adulto titulado San Xoán Travesti, un cabaret deseñado por Marinita e as súas Maromas.
Ao día seguinte está programada a presentación dos arranxos florais con temas da semana do Orgullo nas prazas de Ourense e España.
O xoves ás 11.30 horas na praza de España terá lugar a presentación da obra gañadora do certame literario Pinto e Maragota pola diversidade. "É o primeiro premio literario en materia LGTB. Foi moi dificil pola calidade de todas as obras presentadas, que foron arredor de vinte", explicou Castro.
A caravana LGTBIQ+ aparcará o venres na praza de Ourense para repartir máscaras e información sobre a diversidade de sexo e xénero.
Concluirá o programa o sábado co segundo vermú Pinto e Maragota que se despraza esta vez á Praza da Verdura. Alí está previsto un espectáculo cómico e reivindicativo a cargo de MarikasXlafiesta a partir das 13 horas.
"Con moita prudencia e cumplindo con todas as medidas de seguridade, pero sen perder a acción reivindicativa que ten que ter a semana do Orgullo", así é como debe ser este ano a festa segundo a concelleira de Igualdade, quen lamentou que por culpa do coronavirus tiveron que pospoñer a manifestación, concertos e desfile que planearan para este ano.
Aínda así, lembrou Castro, para pechar a presentación da semana, que "todo o mundo ten dereito a expresarse libremente, sen estar condicionado pola súa forma de actuar".
Relacionadas:
-
Unha semana de reivindicacións do Orgullo LGBTIQA+ en Pontevedra
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
A Caravana LGTBIQ+ estende a conciencia da diversidade polas rúas de Pontevedra
Por Redacción |
-
María Reimóndez gaña o premio literario Pinto e Maragota con "Cobiza", unha novela de ciencia ficción
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Un San Xoán con moito 'Orgullo' no Mercado de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra encherase de plumas e flores coa bandeira do Orgullo LGTBIQ+ para dicir "non á plumofobia"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |