Dous meses para instalar a nova iluminación da glorieta elevada no inicio da Variante de Marín
Por Redacción
Desde este luns 22, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras para renovar e instalar a nova iluminación led na glorieta elevada de Mollavao, no inicio da variante de Marín, á altura da fábrica de Ence.
Trátase dunha obra demandada desde hai tempo por persoas usuarias desta vía, que ofrecía mala iluminación na rotonda de acceso tamén á autoestrada. O importe elévase a máis de 43.000 euros e conta cun prazo de execución de dous meses. A empresa Aopil é a encargada de realizar os traballos para mellorar a visibilidade na conexión entre a variante de Marín e a estrada PO-11, que conecta Pontevedra e Marín polo litoral.
A Xunta de Galicia busca reforzar a seguridade viaria en toda a contorna desta gloreita elevada. As obras consistirán na rehabilitación das tres torres de iluminación actuais, renovándose os proxectores instalando tecnoloxía led. Con estas luminarias incrementarase a visibilidade e mellorarase o rendemento enerxético.
Tamén está previsto que se mellore o cadro eléctrico actual coa reposición do cableado das torres de iluminación.