Os axentes da Policía Local de Marín someteranse a probas PCR
Por Redacción
O Concello de Marín vén de anunciar a solicitude de adhesión a un convenio firmado pola Fegamp e pola Xunta de Galicia para poñer en marcha un programa de control da Covid19 entre os efectivos da Policía Local, tanto policías como auxiliares.
Deste xeito, realizaránselle aos axentes test de detección de Covid19 por parte do Sergas.
En función do resultado dos mesmos e da presenza ou non de sintomatoloxía, o facultativo correspondente poderá tomar a decisión de completar o proceso de acordo co protocolo clínico vixente a día de hoxe nos hospitais públicos galegos.
ROZAS
Por outra banda, o Concello de Marín tamén informou que a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, está tramitando a contratación da limpeza da Ruta de Subida ao Lago Castiñeiras. Unha vez que se lle dea luz verde á adxudicación, comezarán estes traballos.
O Concello iniciou a pasada semana os traballos de desbroce e limpeza de varias rutas de sendeirismo, como é o caso da Ruta Monte e Praias, que xa está rematada, así como a do Monte Pituco, na que se está a traballar.