A escola de música de Moraña ofertará 60 prazas para o próximo curso
Por Redacción
Moraña abriu o prazo para a inscrición dos alumnos que queiran formar parte da escola municipal de música no próximo curso 2020-2021. Para todos eles, o centro ofertará sesenta prazas e haberá ata trece especialidades de instrumentos.
O Concello, que vén de informar por carta desta actividade, agarda que as clases poidan comezar en setembro cos protocolos sanitarios que requira a situación do coronavirus.
O único criterio para a súa apertura, sinala o goberno municipal, é o sanitario pero as actuais condicións apuntan a que se poderá retomar esta actividade dentro de dous meses.
As trece modalidades de instrumento ofertadas nesta ocasión son piano, guitarra, zanfona, acordeón diatónico, percusión, frauta, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, violín e violonchelo.
As persoas interesadas en optar ás 60 prazas que ofrecerá esta escola poderán formalizar a súa matrícula ata o venres 17 de xullo no Concello de Moraña, na Casa da Cultura ou nos teléfonos 986 553005 ou 986 552809.
Os prezos das taxas mantéñense en 50 euros pola matrícula e, posteriormente, 20 mensuais pola actividade de Música en Movemento e 40 por instrumento.
A escola de música municipal de Moraña, que leva funcionando desde hai quince anos, ofrecerá formación básica de Música en Movemento para os cativos de ata 7 anos de idade cunha carga lectiva de dúas clases semanais de 45 minutos.
Pola súa banda, os estudantes de instrumento recibirán unha formación semanal de 3 a 4 horas dependendo da súa idade e a mesma distribúese nunha clase colectiva de linguaxe musical, outra colectiva de conxunto instrumental e unha terceira individual.