Moito control e ningún incidente nas 109 cacharelas de San Xoán de Pontevedra
Por Redacción
A noite de San Xoán foi tranquila e celebrouse entre fortes medidas de seguridade en Pontevedra e sen incidentes. Así o indicou este mércores a Policía Local, que puido constatar un cumprimento xeralizado das normas de seguridade.
Este ano e por causa das restricións derivadas da crise sanitaria, o Concello tomou a decisión de non autorizar fogueiras comunitarias que empregasen o espazo público ao entender que non era o momento sanitario máis acaído e porque tampouco se podían garantir as medidas sanitarias e de seguridade habituais destas celebracións, pero si se autorizaron cacharelas particulares.
Efectivos da Policía Local e do Corpo de Bombeiros de Pontevedra realizaron durante a pasada madrugada numerosos controis sobre estas fogueiras particulares autorizadas polo Concello, un total de 109.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, recibíronse chamadas telefónicas de cidadáns queixándose das fogueiras, todas foron comprobadas e constatouse o cumprimento das normas de seguridade e que as persoas que as impulsaron garantiron en todo momento que había punto de auga próximo á cacharela.
Desde a Policía Local destacan o bo comportamento e colaboración cos servizos emerxencia do Concello de Pontevedra por parte dos participantes destas fogueiras. Nestas cacharelas en espazos particulares, o Concello mantivo este ano os protocolos de edicións anteriores sobre a seguridade e, a maiores, esixiu garantir as medidas sanitarias fixadas pola Xunta de Galicia.