Novas restricións de tráfico en Eduardo Pondal para continuar coa reforma da rúa
Por Redacción
Unha actuación coordinada polas concellerías de Sostemento de Espazos Públicos e de Obras Urbanas de Pontevedra nun tramo da rúa Eduardo Pondal obrigará aplicar restricións de circulación a partir deste xoves.
A partir deste xoves 26 de xuño a empresa COVSA (adxudicataria das obras de mantemento de espazos públicos urbanos) comezará o fresado do tramo máis próximo á estación de tren de cara ao posterior asfaltado do treito da rúa entre a rotonda con Doce de Novembro e a rotonda fronte á estación de tren.
Estas actuacións levan aparelladas un plan de tráfico específico para a zona do tramo en obras. Así, entre a rotonda con Doce de Novembro e a rotonda fronte á estación de tren só se permitirá a circulación en sentido saída da cidade.
Esta restrición no sentido da circulación estará vixente durante as xornadas do xoves e venres. Ademais, os accesos cara a rúa Eduardo Pondal desde rúa Estación (desde a glorieta con Josefina Arruti) e desde a rúa Otero Pedraio (desde a rúa Conde Bugallal ) estarán pechados ao tráfico rodado agás para o acceso ás estacións de tren e de autobuses.
Estas actuacións responden a un traballo de detección de deterioros e pequenos axustes na convivencia de usos nas vías e espazos públicos urbanos, de xeito que as intervencións realizadas desde o departamento de Obras Urbanas e desde o de Sostemento de Espazos Públicos se complementen e se realicen de xeito coordinado, tratando de minorizar as molestias ocasionadas para a veciñanza.
A actuación suporá completar a instalación de pasos de peóns sobreelevados ou 'lombos' nesta vía e de rehabilitar a capa de rodadura neste tramo posto que presentaba certo deterioro.
Os traballos para a instalación dos pasos sobreelevados xa deron comezo este martes naqueles pasos de peóns da rúa Eduardo Pondal que aínda non dispoñen deste redutor velocidade. A este respecto, convén lembrar que a finais do pasado mes de xaneiro xa se instalaran os primeiros tanto na rúa Eduardo Pondal como en Otero Pedrayo.
Esta parte da actuación, que corre a cargo da empresa E. C. Casas, xa deu comezo coa demolición do pavimento naqueles puntos nos que se vai proceder ao levantamento das beirarrúas para que o peón non teña que baixar á calzada para cruzala. Unha vez que estean adaptadas as beirarrúas, procederase á instalación dos pasos de peóns sobreelevados e posterior asfaltado e pintado.