Un home armado e coa cara tapada atraca unha panadaría en pleno día e leva toda a recadación
Por Natalia Puga
Eran as 14.25 horas da tarde. Faltaba media hora para o peche. Un home entrou na panadaría La Seca da rúa Augusto González Besada e, sen que a empregada se decatase, "estaba dentro del mostrador". Inmediatamente, "lo tenía enfrente apuntándome con la pistola". Yoli era aquela traballadora e estaba a ser vítima dun atraco. A plena luz do día e nunha rúa do centro de Pontevedra.
Aconteceu a primeira hora da tarde do luns e o atraco está a ser investigado pola Policía Nacional de Pontevedra, pero fontes consultadas indicaron que aínda non se localizou ao presunto autor. A vítima cre que non será doado, pois quedou con todos os detalles do home que a asaltou, pero tiña a cara cuberta e "solo se le veían los ojos".
O atracador estaba "todo vestido de negro" e o que máis lle chamou a atención á súa vítima é a naturalidade coa que perpetrou o delito. "Llegó con toda la tranquilidad, andando" e, tras o atraco, "marchó todo tranquilo hacia la plaza de San José". Ía, de novo, a pé.
Os feitos aconteceron moi á présa. Segundo relata Yoli, en canto lle tivo en fronte apuntando coa pistola xa díxolle "que le diese todo el dinero" e, a continuación, invitouna que meterse nun cuarto situado na parte de atrás do pequeno despacho de panadaría. Segundo indica, non a ameazou, pero non foi necesario, obedeceu porque "me dio mucho miedo, llevaba una pistola".
Yoli, a empregada e vítima: "Nunca me había pasado, la verdad es que fue mucho susto, no conté con que fuese a pasar"
Mentres a rapaza estaba no citado cuarto, o atracador abriu a caixa rexistradora e baleirouna. Levou "sobre 350 euros, toda la recaudación que había" e, en cuestión de segundos foise. O único rastro que deixou de que acababa de perpetrar un atraco foi que "dejó la caja abierta", pero non desordenou nin revolveu nada.
En canto viu que o home (un mozo de "más de 27 años y menos de 40") se ía, Yoli saíu do cuarto no que se metera. Quedou "paralizada" e non soubo moi ben que facer. Cando conseguiu reaccionar, "llamé al dueño para contárselo". El presentouse no negocio de inmediato e xuntos acudiron á Comisaría da Policía Nacional.
O atraco xa conta cunha denuncia oficial, a vítima xa prestou declaración e a Policía Científica recolleu probas na panadaría. A investigación está encamiñada, pero o que non se vai é o "susto" que se levou a traballadora. "Nunca me había pasado, la verdad es que fue mucho susto, no conté con que fuese a pasar", relata. Agora, sobre todo, non quere volver quedar soa.
Relacionadas:
-
Deteñen o atracador dos supermercados
Por Natalia Puga |
-
Cuarto atraco en dez días, o último nun supermercado de Marín
Por Natalia Puga |
-
O atracador á caixeira en Monte Porreiro: "Dame lo que tengas que me voy"
Por Oskar Viéitez |
-
Terceiro atraco, mesmo modus operandi: un home coa cara tapada e pistola en man
Por Natalia Puga |
-
Segundo atraco a pleno día no centro nunha semana
Por Natalia Puga |