A XIX Festa da Cigala xa ten nova data: o 23, 24 e 25 de agosto na Alameda de Marín
Por Redacción
Os organizadores da decimonovena edición da Festa da Cigala encontraron por fin unha nova data para a súa celebración. Inicialmente íase celebrar os días 26,27 e 28 de xullo, pero o accidente ferroviario de Santiago de Compostela obrigou ao seu aprazamento. A veterana cita gastronómica terá lugar o 23, 24 e 25 de agosto, tal e como estaba previsto, na Alameda de Marín, lugar ao que regresan doce anos despois.
A organización instalará alí unha carpa de 250 metros cadrados na que a festa arrincará o venres 23 ás 13:00 horas, cun horario de atención ao público que se prolongará ata as 0:00 horas durante os tres días, aínda que sábado e domingo a apertura se adiantará ás 10:00.
En total a organización, a cargo da Asociación de Comerciantes e Industriais de Marín, prepara 1.500 quilos de comida principalmente do produto estrela, a cigala, pero con cabida para outros alimentos como o polbo ou as gambas.
Un ano máis a Festa da Cigala completará o seu programa cunha actuación musical, unha exposición de artesanía ou coa imposición das capas aos novos confrades, acto que se celebrará o sábado 24 ás 12:00 horas.
Os asistentes poderán gozar, entre os 4 e os 14 euros, de diferentes pratos como as cigalas cocidas (12 euros), cigalas á prancha flamexadas (14 euros), arroz caldoso de cigala (6 euros), cigalas ao allo (14 euros), empanada de cigalas e gambas (4 euros), gambas á prancha (7 euros), cocidas (7 euros) e ao allo (8 euros), croquetas de marisco (7 euros), polbo (8 euros) e tortilla de gambas (5 euros).