Benestar Social aumentará en 165.000 euros o seu orzamento para afrontar os gastos excepcionais derivados da crise sanitaria
Por Redacción
Dada a situación vivida nos últimos meses na Concellería de Benestar Social por mor da crise sanitaria derivada da Covid-19, o departamento que dirixe Paloma Castro viuse na obriga de afrontar con fondos propios los gastos excepcionais cos que non se contaba, asegura o Goberno Local. Por este motivo, procederán a unha modificación nos Orzamentos Xerais do ano 2020 con obxecto de incrementar en 165.000 euros a consignación económica de Servizos Sociais.
Segundo avanza Paloma Castro, esta achega será habilitada na vindeira modificación de crédito que o bipartito ten previsto tramitar e que "permitirán nutrir e reforzar algunhas aplicacións orzamentarias que Benestar Social ten asignadas e que se volveron aínda máis esenciais a causa da pandemia".
Así, en base ao informe elaborado polos técnicos do Servizo de Benestar Social, solicitan un incremento de 100.000 euros na achega económica adicada ás emerxencias sociais, un aumento de 50.000 euros nas partidas destinadas a asumir os gastos do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e os programas de benestar social municipal e unha modificación do crédito por importe de 15.000 euros que estaba consignado inicialmente a un convenio coa Cruz Vermella e que agora se orientará a un convenio de colaboración coa Fundación Provincial Banco de Alimentos para o desenvolvemento dun programa de atención ás familias sen recursos.
A concelleira constatou que na modificación orzamentaria que o equipo de Goberno levará a Comisión de Facenda nos vindeiros días, se inclúe tamén unha proposta de transferencia de crédito para a provisión do servizo de recollida de cans abandonados por valor de 10.000 euros, o que suporá "triplicar a achega de 5.000 euros coa que se contaba até agora para este fin".
"Queremos garantir así a realización dun servizo necesario e urxente, como é a recollida de cans na vía pública, tanto pola urxencia que supón a recollida dun can potencialmente perigoso, como polo problema de saúde pública que suporía un número excesivo de animais circulando polas rúas. A dificultade para calcular o número de cans que será necesario recoller ao longo do ano imposibilita unha previsión orzamentaria axustada, o que ocasiona cada ano a necesidade de solicitar unha transferencia de crédito para seguir realizando este servizo", apunta a concelleira responsable de Benestar Animal.
Relacionadas:
-
Paloma Castro despídese "satisfeita" coa resposta rápida que Benestar Social deu ás necesidades marcadas pola Covid-19
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
O PSOE promete endurecer as penas por maltrato e abandono de animais na súa campaña electoral
Por Redacción |
-
Pontevedra solicitará á Xunta unha achega de 1,7 millóns de euros para Servizos Sociais
Por Redacción |