Cerdedo-Cotobade renova a rede viaria interna de Barral e Cutián
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de completar a renovación de toda a rede viaria interna dos lugares do Barral e Cutián e tamén da conexión por estrada entre estas dúas aldeas a través dun investimento superior aos 160.000 euros.
Deste xeito, o proxecto municipal, que tamén contemplou a creación de cunetas en varias zonas do Barral e a limpeza das existentes en Cutián, arrancou coa mellora completa do viario interno do barrio rural tradicional do Barral, configurado como un dos núcleos máis característicos e compactos do municipio, cun formigonado integral destinado a corrixir o mal estado do preexistente, que en moitos puntos estaba en terra.
Posteriormente, e xa nas últimas semanas, acometeuse a modernización completa da vía principal de acceso a Cutián, á que se dotou dunha nova capa asfáltica de máxima calidade con pintado lateral, e da interconexión entre esta aldea e O Barral, que se levou unha das principais partidas con case 50.000 euros e que permitíu realizar o ensanchamento nalgúns puntos que presentaban bastante estreitez e sinuosidade.
Agora, a intención do Concello, coa rede viaria completa, pasa por realizar un pequeno ensanchamento nun pequeno treito próximo a O Barral co obxectivo de permitir a circulación e favorecer que haxa espazo de aparcamento nesta contorna.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou que deste xeito "dáselle continuidade a nosa aposta polas infraestruturas desta zona, que recentemente permitíu realizar o necesario acondicionamento de todos os camiños interiores do Barral e o remate da Casa do Pobo de Cutián, que servirá de lugar de referenza e encontro veciñal para estes dous lugares".