"Falamos", un programa para fomentar a "conversión lingüística" dos universitarios pontevedreses
Por Alejandro Espiño
O último estudo sociolingüístico realizado pola Universidade de Vigo revelou en 2018 que un 64% dos alumnos do campus de Pontevedra son monolingües en castelán e que apenas un 18% emprega unicamente o idioma galego. Agora, un programa impulsado pola institución educativa e o Concello de Pontevedra tratará de reverter esta situación.
"Temos espazo para traballar", explicou o director da área de normalización lingüística da Universidade de Vigo, Fernando Ramallo, que foi o encargado de presentar o programa "Falamos", que se poñerá en marcha a finais de setembro co inicio do novo curso.
O obxectivo desta iniciativa, que para a universidade será "todo un desafío" recoñece Ramallo, é aumentar o uso cotián do galego entre os universitarios pontevedreses e contribuír a incrementar a visibilidade do idioma propio de Galicia no campus pontevedrés.
Para iso o programa "Falamos" prevé crear "espazos de esperanza para o galego", segundo explicou o seu responsable, para lograr que os mozos "muden os seus hábitos lingüísticos" e se que "reverta" a situación do idioma galego entre o alumnado.
Con iso, preténdese que as persoas que non falan galego atopen na universidade un aliado para avanzar na súa "conversión lingüística" ou evitar que, tal e como comprobaron, aquelas que xa o falan opten por cambiar ao castelán ao iniciar os seus estudos universitarios.
"Falamos" propoñerá, entre outras iniciativas, actividades de voluntario lingüístico, cursos de cociña, un club de lectura, sesións de visionado e debate sobre series e películas, campañas en redes sociais, concursos ou concertos de música en galego.
"Estamos seguros de que demos co punto", engadiu Ramallo, que estivo acompañado na presentación polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, e polo concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.
Oubiña destacou que se trata dun programa "moi ilusionante" para o Concello e que "vai na liña" doutras iniciativas municipais para fomentar o uso do galego entre os mozos como o programa certame Ben Veñas Maio ou programas "transversais" como Apego que axudan, segundo engadiu, a "potenciar a lingua" entre as novas xeracións.
Relacionadas:
-
O programa Apego de transmisión interxeracional da lingua detecta que "a escola é un axente desgaleguizador"
Por Anxo Lourido |
-
Concello e Universidade unen forzas para "reverter o proceso de ocultación social da lingua"
Por Oskar Viéitez |
-
Ben Veñas Maio regresa con seis certames para fomentar o galego
Por Manu Otero |
-
Cinco entrevistas na rúa para demostrar que o uso do galego tamén é sinónimo de éxito
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Concello inviste 20.000 euros en librerías pontevedresas para difundir a obra de Carvalho Calero
Por Redacción |