Oito operarios da brigada de prevención e defensa contra os lumes forestais xa vixían os montes de Poio
Por Redacción
Desde este mércores, o Concello de Poio conta cun xefe de brigada, un peón-condutor, tres peóns de brigada e outros tantos condutores de vehículos motobomba para loitar contra os incendios forestais ao longo do próximos tres meses.
A semana pasada finalizaba o proceso de contratación de persoal e estes oito operarios realizaron o obrigatorio curso de formación para levar a cabo os labores de prevención, vixilancia e defensa ante calquera situación de lume nos montes do municipio.
Estas incorporacións forman parte das 50 persoas que se sumaron de maneira temporal aos servizos do Concello de Poio con contratos temporais para realizar diferentes actividades durante o verán, aínda que unha parte importante destes profesionais continuarán traballando ata finais de 2020.
Neste grupo atópanse os seis socorristas que vixían as praias de Cabeceira e Xiorto; cinco postos de peón varredor e persoal de limpeza, con apoio da Consellería de Economía para ofrecer emprego a persoas que reciben a renda de inclusión social. Tamén se sumou persoal para atender as oficinas de información turística en Combarro e San Salvador de Poio.
O investimento realizado para asumir estas incorporacións laborais supera os 350.000 euros, financiado en boa parte polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O Concello destina máis de 232.000 euros á contratación de 24 persoas con contratos de diferente duración como un técnico para Mocidade, unha traballadora social e outra encargada do departamento de Cultura.
Ademais, únense ao cadro de persoal tres condutores e tres electricistas, ademais de doce operarios para servizos municipais; catro operarios de persoal de limpeza e outros tantos para o posto de conserxes de instalacións municipais. Todo este novo persoal procede de situación de desemprego e o obxectivo é que cubran as necesidades cidadás durante a tempada de verán, segundo afirma o concelleiro responsable de Persoal, Xosé Luís Martínez.